Unha empresa galega no consello de GNOME

Detalle do escritorio GNOME
photo_camera Detalle do escritorio GNOME

A empresa galega Igalia, adicada ás novas tecnoloxías, incorporouse esta última semana ó consello asesor da Fundación GNOME, un proxecto sen ánimo de lucro que desenvolve un entorno de escritorio para GNU/Linux.

Un entorno de escritorio é o que o usuario ve normalmente cando se atopa en fronte dun ordenador aceso. As ventás que rodean ós programas, os menús despregables, as iconas no escritorio ou os botóns de 'Aceptar' que aparecen polos lugares máis insospeitados forman parte dese entorno.

O proxecto GNOME, ademais, coordina o desenvolvemento ducias de programas de uso común. Así conta cun procesador de textos compatible con Microsoft Word, unha folla de cálculo, ou un programa de retoque fotográfico, entre outros. O seu obxectivo é que o usuario instale GNOME e se atope cun ordenador preparado para calquera uso, e de balde.

Os creadores de Igalia basearon o seu modelo de negocio en aproveitar as liberdades que permite o software libre -ver o código dos programas, fedellar nel e modificalo ó gusto-  para crear aplicacións personalizadas para os seus clientes. Igalia aproveitouse de GNOME para moitos dos seus proxectos, e as aportacións da empresa coruñesa axudaron ó entorno de escritorio a mellorar.

A incorporación de Igalia ó consello asesor da fundación GNOME permitiralle á empresa galega axudar a decidir o futuro deste proxecto. Polo momento hai dezaseis empresas no mundo dentro do consello asesor, entre elas xigantes da informática como IBM, Novell ou Nokia.

Comentarios