Hugo Lozano: "O Mupav é unha institución de referencia na investigación, pese a contar con recursos limitados"

O Iescha, coa colaboración do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e do Concello, organiza unhas Xornadas Museísticas que comezarán este sábado e se pecharán o día 21
Hugo Lozano, diante do museo vilalbés. M.M
photo_camera Hugo Lozano, diante do museo vilalbés. M.M

Licenciado en Historia e cun máster en Arqueloxía e Ciencias da Antigüidade, o vilalbés Hugo Lozano traballa na súa tese de doutoramento achegando o seu gran de area para que o Mupav siga a ser un referente. 

A mesa redonda na que intervirá titúlase Museo de arqueoloxía e administración local. Cal cre que debe ser o seu papel no Mupav?

O Mupav é unha institución municipal dende a súa creación, aprobada coa unanimidade do pleno hai case 30 anos. A administración local debe garantir como mínimo que o museo dispoña dos recursos necesarios para permanecer aberto ao público, custodiar os restos arqueolóxicos que alí están depositados e permitir o seu estudo. Iso implica que a súa sede ten que ter as condicións adecuadas para poder realizar as súas actividades e que a dotación económica que se lle asigne nos orzamentos sexa suficiente para cubrir os seus gastos correntes. Por suposto, alén deste mínimo imprescindible que ten a obriga de asumir, o Concello podería apostar por desenvolver todo o seu potencial nos eidos cultural e turístico a través dun investimento maior, pero isto entra xa no terreo da vontade política e as prioridades que cada alcalde ou alcaldesa teña.

Sobre que falará nas xornadas?

Ademais de arqueólogo e vilalbés, son colaborador da sección de Arqueoloxía Clásica do Mupav e vogal da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba. Dende esa posición abordarei os temas que propoña a moderadora, tendo a intención de explicar a situación precaria e vergonzosa na que se atopa o Mupav, sen deixar pasar a oportunidade de escoitar a Aurelia Balseiro, Ángel Villa e Felipe Arias, tres arqueólogos con moita experiencia e que de seguro terán una perspectiva máis que autorizada sobre o asunto.

Que é o Mupav para Vilalba?

É unha institución de referencia na investigación en Prehistoria e Arqueoloxía desde a súa creación, pese a contar sempre con recursos moi limitados, o que fai que a súa rendibilidade científica sexa impresionante. Durante estas tres décadas son moitos os investigadores que contribuíron ao coñecemento do noso pasado e potenciaron a institución co seu traballo. Comparativamente, Vilalba coñece moito mellor a súa historia e o seu patrimonio grazas a eles e ao museo. Basta con ollar as publicacións que edita o Mupav ou con achegarse ao congreso internacional que nel se organiza cada tres anos, ao que acode regularmente máis dun centenar de arqueólogos, para darse conta da súa relevancia. Contar cunha institución así no concello, que sexa nosa, é algo do que sentírmonos orgullosos todos os vilalbeses.

Que obxectivos ten a Asociación de Amigos?

A finalidade principal é axudar ao museo en todo canto precise; pero, tal como eu o vexo, a asociación é unha peza moi importante da relación estreita que debe existir entre a institución e a veciñanza, xa que permite aos vilalbeses coñecer e dar a coñecer o que alí se fai e completa a oferta cultural da vila con conferencias, visitas guiadas e excursións para coñecer o noso patrimonio, actividades ás quenon fai falta ser socio para acudir. A asociación está aberta a quen queira formar parte ou apoiar a actividades, só hai que achegarse ao Mupav e inscribirse.

Que destacaría dos xacementos de Vilalba? Que cre que se debería facer para poñelos en valor?

Na miña opinión, en tanto que son fontes de información sobre o pasado a disposición dos arqueólogos, o valor dos xacementos arqueolóxicos é intrínseco e non cambia co feito de facelos ou non visitables. A Terra Chá conta con algúns excepcionais e con moitos outros con potencial para seguir aportando datos e enriquecendo o coñecemento sobre o pasado. Aínda que parece indiscutible que a mellor maneira de que a sociedade valore e protexa o seu patrimonio é que o coñeza, o certo é que facer accesible ao público un sitio arqueolóxico pode ter vantaxes, pero tamén trae asociados certos compromisos de mantemento e conservación. Tal como eu o vexo, potenciar o Mupav é a mellor maneira de que os xacementos se sigan estudando e dando a coñecer e tamén é a mellor garantía de que se satisfarán os compromisos contraídos de ser o caso, pois parece lóxico pensar nun rol central do museo en calquera proxecto relacionado co patrimonio arqueolóxico da nosa comarca.

Eduardo Ramil, director do Mupav, dirixe a súa tese sobre os castrexos e os romanos no occidente cantábrico, por que el e este tema?
A solvencia de Eduardo como investigador vai moito máis aló do imprescindible nun director de museo. Aínda que pode non parecelo, porque segue sendo unha persoa discreta e accesible, trátase dunha figura de moito prestixio no noso eido da que calquera que valore o rigor e o criterio á hora de investigar querería ser discípulo. Para min é unha sorte que aceptase codirixir a miña tese xunto co profesor José Manuel Caamaño, quen por desgracia nos deixou o ano pasado. En realidade, o feito de que traballe no museo da miña vila foi unha afortunada coincidencia, teño moi claro que se formase parte de calquera outra institución non cambiaría nada, el seguiría sendo a miña primeira opción. Na última década, Eduardo axudoume a completar a miña formación e foi no Mupav onde realicei as prácticas e levei adiante as miñas investigacións, aproveitando a súas coleccións e a magnífica biblioteca especializada da que dispón. A tese xurdiu de maneira natural como continuación desa relación de mestre e discípulo que, de seguro, non rematará coa súa redacción, pois aínda teño moito que aprender del.

Cal é o seu primeiro recordo do Mupav?

O Mupav está a piques de facer 30 anos e eu veño de cumprilos o pasado agosto, polo que non acordo a vila sen el. O que si recordo nitidamente é a primeira visita que fixen coa escola tendo dez ou once anos, cando o museo aínda tiña a sede na actual casa da cultura e o doutor José Ramil era o seu director. Foi el quen guiou a visita e quen nos amosou como funcionaba un propulsor lanzando un proxectil dun extremo a outro da exposición. O que mellor recordo é a maneira que tiña de explicar, como razoaba que eran ou para que servían aqueles utensilios que enchían as vitrinas. Agora que son eu o que moitas veces guía as visitas dos cativos ao museo, decátome, e mesmo envexo, aquela facilidade coa que se formulaba preguntas e transmitía a curiosidade polo pasado. A min, e probablemente non fun o único neno ao que lle pasou, marcoume esa maneira de deducir, a partir da observación minuciosa daqueles anacos de pedras e cousas vellas, o comportamento das persoas que os produciron.

Comentarios