José Mouriño Cuba, un home con denominación de orixe

Desde a xefatura de servizo de Industrias Agroalimentarias en Lugo, fomentou a creación de denominacións de orixe e da produción ecolóxica como ferramentas para dinamizar o agro lucense e loitar contra a despoboación
José Mouriño Cuba. AEP
photo_camera José Mouriño Cuba. AEP

O NOME de José Mouriño Cuba (Xermade, 1948) está asociado aos indicativos de calidade. Como xefe de servizo de Industrias Agroalimentarias en Lugo impulsou as denominacións de orixe da Ribeira Sacra ou as dos queixos de San Simón e do Cebreiro, que se atopaban ao bordo da desaparición. Tamén se envorcou no desenvolvemento da produción ecolóxica co seu apoio á creación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Eses son os catro grandes proxectos que sobresaen na súa traxectoria profesional.

Mouriño forma parte da historia recente do agro lugués, pero a súa paixón polo campo non foi vocacional. Como lle pasou a moitos mozos da súa época, nados en aldeas rurais, non se plantexaba vivir nesa contorna cuxa supervivencia defende agora como vital para o futuro de Galicia. A súa chegada á idade universitaria coincidiu coa apertura da Escola de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo. Ao rematar a carreira, como integrante da primeira promoción, opositou ao Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario ( Iryda). Traballou en proxectos de concentración parcelaria, un mundo complicado nos anos setenta, nos que era difícil poñer a xente de acordo. “Na entrega de leiras nalgunha zona de Ourense había máis gadañas e fouces que persoas. Houbo casos nos que chegaron a golpear a funcionarios”, conta.

“Moitos días tiñamos reunións ás oito da tarde e voltabamos a Lugo case de madrugada para ir á oficina o día seguinte”

A necesidade de concentrar terras era evidente, pero aínda así as leiras non alcanzaban, pese ao forte investimento, o tamaño medio doutros países europeos. Daquela, José Mouriño comezou a barruntar sobre a necesidade de fomentar a pequena industria agroalimentaria, “á que entón non se lle daba importancia nin en Galicia, nin non resto de España”, matiza.

A mediados dos oitenta atópase cunhas ferramentas das que se comezaba a falar por mor da entrada de España na UE: os distintivos de calidade e, en particular, as denominacións de orixe. A súa estrutura favorecía, cun custo relativamente barato, a promoción dos productos baixo o amparo da súa marca e o desenvolvemento de pequenas industrias. Eran tamén uns instrumentos valiosos para loitar contra o despoboamento rural.

Este chairego, con certa maña de de zahorí para atopar auga, sacou petróleo coas súas iniciativas. A primeira, e tamén a máis chamativa, foi a constitución da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Xa nos anos setenta namorou da paisaxe desa comarca, á vez que visitaba os seus mosteiros abandonados, pero foi unha década despois cando comezou a darlle voltas á idea de impulsar os viños da conca do Miño-Sil. Non resultou unha tarefa doada ante a incredulidade inicial, que non foi un obstáculo insalvable para un bo coñecedor da socioloxía rural.

Mouriño e o seu equipo impulsaron un programa de constantes reunións para enviar a mensaxe de que se podía mellorar a produción do viño e vendelo a maior prezo. “Moitos días tiñamos reunións ás oito da tarde e voltabamos a Lugo case de madrugada para ir á oficina o día seguinte”, lembra. Traballaron sempre en beneficio do produtor, facilitándolle as cousas para gañar a súa confianza. O apoio recibido nunha reunión en Sober “foi fundamental”, lembra José Mouriño. Aí concretouse a idea de dividir a área en tres subzonas, agrupadas baixo o nome de Ribeira Sacra, recollido da Historia de Galicia de Otero Pedrayo. Así se abriu un camiño de futuro que uniu viño, a paisaxe e o turismo.

“Puidemos ser pioneiros en Europa, pero as cooperativas funcionaban ben e os gandeiros gañaban diñeiro"

Outro dos grandes retos deste funcionario exemplar foi a recuperación dos queixos de San Simón e do Cebreiro. No caso vilalbés, o proceso dilatábase. “Canso de que lle deran voltas, nunha xuntanza petei na mesa e pedín que aqueles que quixesen incorporarse á denominación desen un paso adiante. E así se botou a andar con seis produtores”, concreta Mouriño. O reto non era menor, xa que houbo que asumir un gran cambio tecnolóxico e mudar o sistema de produción do queixo. “Houbo que adquirir maquinaria en Cataluña e innovar, pero aos dous anos xa estaban a fabricar con selo da denominación de orixe”, precisa Mouriño.

A súa asignatura pendente foi non ter creado un distintivo de calidade para o leite hai máis de 30 anos. “Puidemos ser pioneiros en Europa, pero as cooperativas funcionaban ben e os gandeiros gañaban diñeiro. O sector mostrouse esquivo, aínda que tempo despois xa se tomou en serio a necesidade de apoiarse nunha marca que distinguise o leite galego”, manifesta Mouriño, un home que traballou para varios conselleiros e administracións de distinta cor, pero que sempre tivo a súa oficina aberta ao campo.

Comentarios