Opinión

Herdanza da calvicie

ERA CALVO dende rapaz e ao nacer xa tiña pouco pelo. Calvo total sen un pelo de tolo, non coma os burros, que non hai ningún sen el. Probablemente por iso as súas orellas grandes víanse moito máis e máis grandes parecían. A verdade é que as orellas de soplillo deste home eran prominentes, enchía o cuarto no que durmía, impedían abrir as contras das fiestras e quen se deitaba con el, naquela cama de un noventa, tiña que reducir os movementos e extremar os coidados. Sabía perfectamente por experiencia que non por iso escoitaba mellor.

Aquel home calvo estaba triste e cohibíase diante de tanta xente que o miraba. Volvía a vista cara a atrás igual que os cornos das vacas calvelas, pero, aínda así, non vía nada de proveito con aquela mirada fría e insegura. Xuntouse con outros sen pelo e acordaron poñer as cabezas ao dispor dos publicistas, para que gravaran nelas contundentes mensaxes curtas que ía transportar con orgullo polos lugares escollidos e pactados. 

A investigación conclúe indicando que moitas das causas da perdida do cabelo proveñen do cromosoma X, que os homes herdan das súas nais

A cabeza sen pelo parece un soporte publicitario sorprendente e fenomenal para levar un eslogan a modo de reclamo en toda ela ou varios, un por cada lado, na fronte con suor, no cocote, couquizo ou coroa. Varios amigos deste home tosquiaban unha coroa e nela tatuaban un SI, outros coa navalla de afeitar facían espazo para o letreiro na parte dianteira da cabeza, entre as tempas, arriba mesmo da testa. Os portadores do NON  levábano ás agachadas gravado no peto e no peito.

O refraneiro e o dito popular, neste caso, acerta: "En cen anos todos calvos" e a bo seguro que nós tamén. Daquela perderemos os pelos cos que cada quen cubre a cabeza, uns 250 de media por centímetro cadrado. Pero, para entender a calvicie parece conveniente recorrer á ciencia e, neste mesmo ano, fixéronse públicos, en PLOS Genetics, os resultados dun traballo realizado no Centro de Medicina Xenética e Experimental da Universidade de Edimburgo, que identificou a máis de duascentas rexións xenéticas vinculadas coa alopecia.

A investigación conclúe indicando que moitas das causas da perdida do cabelo proveñen do cromosoma X, que os homes herdan das súas nais. Xa ven! As herdanzas moitas veces traen desgustos.

Comentarios