Opinión

Herdanza 3.0

A CHEGADA das redes sociais mudou en parte a nosa forma de relacionarnos ata o punto de que a nosa presenza dixital comeza xa a ser regulada para evitar desde ataques desde contas falsas á utilización de fotografías persoais. Nese afán por normalizar o uso destes sistemas de comunicación, a última medida que se quere introducir é a creación da figura do herdeiro dixital, unha persoa que se encargue de finiquitar ou manter, como así o decida o falecido, todas aquelas contas e contidos que tivera en internet. O Goberno que tenta ser pioneiro no impulso dunha lei de vontades dixitais é o catalán. «Que pasa cando morremos e constatamos que non morremos dixitalmente?», preguntábase o conseller de Xustiza ao anunciar esta medida, sen decatarse que chegado o fatídico momento xa non imos constatar nada. Sen embargo, o peche ou continuidade dese espazo virtual que durante a nosa vida nos tentou identificar si que merece atención, porque por desgraza calquera de nós xa tivo baixas definitivas nesa nómina de amigos da rede e agora non sabemos como lles gustaría que quedara o seu mundo virtual. E aínda que hai moitas cousas máis importantes que arranxar no caso de ter algo material que deixar aos herdeiros, se cadra tamén é importante pararse a pensar e mesmo deixar instrucións sobre como debe quedar a nosa memoria dixital, malia que xa non constatemos nada chegado o día.

Comentarios