Helena Miguélez-Carballeira: "En Galiza o goberno fai políticas lingüísticas contra o galego"

Natural de Vilapene, en Cospeito, a profesora titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor dirixe o Centro de Estudos Galegos de Gales

Helena Miguélez-Carballeira
photo_camera Helena Miguélez-Carballeira. JORDI BORRÁS

a doutora en Estudos Hispánicos Helena Miguélez-Carballeira, con raíces en Vilapene, en Cospeito, é profesora titular da Universidade de Bangor. Alí dirixe o Centro de Estudos Galegos, que desenvolve proxectos de investigación e divulgación cultural.

Que balance fai destes anos lonxe de Galicia?

Vivir e traballar en Gales foi unha opción buscada, por ser unha sociedade que sostén un conflito cultural e lingüístico forte. Onde eu moro, no norte, a porcentaxe de xente que ten o galés como primeira lingua é maioritaria, mais hai inercias diglósicas que empurran constantemente cara a discriminación do galés. Está a agromar con bastante forza tamén, por mor do Brexit, un movemento transversal a favor da independencia de Gales co que eu, como galega, me sinto moi implicada.    

Hai moita diferenza a nivel idiomas entre Reino Unido e España?

Xaora que si. No Reino Unido o estudo de idiomas está cada vez menos implantado nas escolas primarias e secundarias, e percíbese como unha materia difícil de estudar. Os idiomas tenden a ensinarse a través de metodoloxías comunicativas, con moi pouca explicación gramática. Pola contra, na Galiza, e no resto do estado español, o coñecemento de idiomas estranxeiros está moi valorado social e educativamente, sobre todo o inglés.   

E o coidado polas linguas minoritarias. E maior alá?

Logo de séculos de discriminación, onde se castigaba aos cativos nas escolas por falaren en galés, como se fixo tamén na Galiza, a lingua galesa está a vivir agora un momento doce. Aínda está por publicar o censo de falantes no que se verá se efectivamente a lingua experimentou unha suba, mais no que respecta ás actitudes na sociedade, as estatísticas amosan que cada vez máis galeses perciben que aprender ou falar a súa lingua é un valor, unha vantaxe. A nivel institucional as campañas en política lingüística son constantes: a que está en curso fixouse a meta de chegar ao millón de falantes de para o ano 2050. A situación non ten comparanza na Galiza, onde o partido de goberno destruíu consensos e fai políticas culturais e lingüísticas contra o galego.   

Dirixe o Centro de Estudos Galegos en Gales. Que labor desenvolve?

O centro está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e permítenos dar aulas de lingua e cultura galegas na Universidade de Bangor, ademais de desenvolver proxectos de investigación e de divulgación cultural. Concentramos a nosa actividade na excelencia investigadora e no diálogo intercultural.  

Tamén ten publicado artigos en varias revistas.

Considérome o que se denomina ‘unha hispanista’, especializada sobre todo nos estudos culturais. Nestes momentos estou rematando un traballo para o Routledge Companion of Nineteenth-Century Spain sobre a relación entre Manuel Murguía e Benito Vicetto, que é clave para entendermos o que se entendeu na Galiza por ‘historia nacional’. Especialízome tamén nos estudos de tradución, e neste ámbito, estou a investigar a singular historia do único libro en lingua galesa que se publicou en México. 

E o ensaio ‘Galiza, um povo sentimental?’ Como o resumiría?

O libro colleu como punto de partida un estereotipo que existe sobre a identidade galega, o de que somos un pobo sentimental, morriñento, e tentou trazar a historia deste estereotipo. As conclusións ás que cheguei son críticas, pois no libro argumento que a idea do sentimentalismo galego utilizouse, e séguese a utilizar, para desmantelar a tradición do galeguismo político.   

Hai uns meses foi aceptada na Gorsedd Beirdd Ynys Prydain.

É a orde bárdica coa que se honra ás persoas que teñen contribuído significativamente á cultura e lingua galesas. Para min recibir este recoñecemento por parte da máis alta institución cultural do país é un acto de xenerosidade inmenso do cal aínda non me considero merecedora. Mais anímame a seguir traballando naqueles eidos polos que fun recoñecida e seguir afondando no coñecemento mutuo entre Gales e a Galiza. 

Parte das súas raíces están en Vilapene. Que significa a Terra Chá?

Síntome afortunada por ter nacido nun momento histórico no que aínda tiven acceso, de xeito directo, á sociedade labrega galega, de onde vén toda a miña familia (pola parte da miña nai somos de Vilapene; pola parte de meu pai de Santa María de Melide). Vivo con xenreira o desartellamento do rural galego como un medio digno para a vida, que eu e moitos entendemos como un proxecto deliberado da dereita no noso país. Os meus valores persoais máis prezados, o que eu entendo por ser boa persoa, proveñen desa sociedade, que para min foron os meus pais, os meus padriños, avoas e avós, tías e tíos e curmás. Se eu aspiro a ser dalgún lugar, e do lugar de onde eles veñen.  

Comentarios