Blog | A Semana do Revés

Hai paro e falta man de obra

As dificultades dalgúns sectores para atopar traballadores revelan as distorsións do mercado

Uno de los edificios en obras de As Gándaras. SEBAS SENANDE (EP)
photo_camera Uno de los edificios en obras de As Gándaras. SEBAS SENANDE (EP)

NA PROVINCIA de Lugo hai 16.573 persoas inscritas como desempregadas (datos de outubro) e no Concello de Lugo, 6.679. As taxas de paro son do 8,3 e do 10,8, respectivamente. A pesar diso, hai varios sectores que teñen dificultades para atopar traballadores, segundo aseguran patronais como a da construción e a da madeira. Tampouco se atopa facilmente man de obra na gandeiría, na atención de persoas a domicilio ou na hostalaría. Por outra banda, a formación para desempregados que se ofrece en distintos ámbitos, que teoricamente debería server para mellorar a empregabilidadade, tampouco resulta atractiva e moitas veces non cubre as prazas. E sucede o mesmo coa formación regrada, como a FP dual, ensinanzas máis prácticas polas que ademais se cobra e se cotiza. Que pasa entón?

Orientadores laborais e outros profesionais que traballan no ámbito da formación e o emprego sinalan dúas causas, que ademais están interrelacionadas. Cren que un sistema de cobertura social para desempregados é necesario, pero coinciden en que, nas actuais condicións, nas que é posible encadear uns subsidios con outros e onde o control do cumprimento dos requisitos é mellorable, en moitos casos disuade de aceptar unha oferta de emprego. Citan como exemplo o Programa Prepara, que o Goberno central puxo en marcha en 2011 para persoas que esgotaran outras prestacións e que reuniran certos requisitos, como seren parados de longa duración, teren persoas a cargo e rendas reducidas. Inicialmente era unha axuda de 426 euros, e posteriormente aumentouse a cuantía do 75 ao 80% do Iprem. Está vinculada á búsqueda activa de emprego, pero moitas veces esta xustíficase simplemente acudindo a unha oferta de traballo e rexeitándoa.

A prestación interrómpese, como é lóxico, cando o beneficiario firma un contrato de traballo, pero cando estes son de pouca duración, de media xornada ou precarios, moitos beneficiarios optan por seguir co subsidio. Entre outras razóns, porque non é raro que esas persoas completen os ingresos con traballos en negro, unha práctica de por si moi estendida pola idiosincrasia do país. Prexudica as arcas e os servizos públicos, pero ten moitos cómplices. Para aforrar cartos é habitual recorrer a traballadores en negro para que nos boten unha man co coidado da casa e da familia, para un arranxo ou unha reforma doméstica ou para tarefas agrícolas, por poñer algúns exemplos. Por esa razón, a cifra real de desemprego seguramente está por debaixo da oficial.

As condicións laborais nalgúns sectores, e incluso a mala reputación dalgúns deles, tamén supoñen un freo. Na construción os soldos non son os dos tempos bos, na hostalaría é frecuente que a relación horario/salario sexa desproporcionada e no sector primario hai pouca experiencia con persoal asalariado, polo que moitas veces a xestión deste non é a mellor. Todos os citados son exemplos, ademais, de sectores nos que acaban moitos traballadores sen a motivación nin a cualificación axeitada. 

O fraude da formación
As administracións destinan moito diñeiro á formación, pero con pouco resultado. Algunha non se axeita ás necesidades (as madeireiras piden formación en manexo de maquinaria, por exemplo) e moitos potenciais beneficiarios tampouco a ven interesante. Os parados de idade cren que non están para iso e en xeral pénsase que non serve para atopar traballo. E na práctica, rexeitala non sempre penaliza

O traballo, boca a boca
Un  gran número de ofertas de emprego non chegan a seren públicas. A maneira máis habitual de atopar traballo é o boca a boca, contactos e recomendacións, admiten os profesionais. Aínda que sempre hai alguén que saca proveito delas, en xeral os desempregados teñen pouca confianza nas ferramentas de formación e búsqueda de emprego. Nalgúns casos, é máis ben un sustento para asociacións e organizacións.

Máis esixentes
Se en algo coinciden empresarios e orientadores laborais é en que os traballadores —especialmente moitas persoas novas, que aínda viven coa familia— son, en xeral, máis esixentes coas condicións laborais (cos horarios, por exemplo) e están menos dispostos a moverse. "É moi habitual que unha persoa que vive en Lugo non queira ir traballar a Rábade ou a Becerreá", sinala unha orientadora laboral. 

Comentarios