JOSÉ TOMÉ ROCA

"Hai que crear polos de desenvolvemento nas comarcas para frear o abandono rural"

O presidente da Deputación de Lugo mantén a cuestión social, "a atención ás persoas", como piar básico da súa folla de ruta para o que lle resta de goberno

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera José Tomé, durante a entrevista. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Foi unha etapa apaixonante, porque foi algo novo para min, e intensa, por ser tamén un período de moito traballo que está a dar os seus froitos na normalización da actividade da Deputación". Así define José Tomé os seus 16 primeros meses como presidente provincial.

Quere dicir que se calmaron as augas despois do turbulento mandato anterior?

A institución é noticia boa ou mala polo que se fai e non por cuestións alleas ao seu funcionamento. Conseguimos que a Deputación funcione desde unha óptica de cooperación cos concellos, que é a forma de atender as necesidades dos veciños da provincia. Somos o concello de concellos, termo que acuñei no meu discurso de investidura porque, como alcalde, síntoo así. Temos un goberno ben coordinado, centrado no traballo das distintas áreas e alleo a calquera liorta.

Pero iso non evita as críticas da oposición.

O que nos preocupa é procurar servizos aos veciños da provincia a través da nosa acción de goberno, no marco do respecto ás posicións de cada grupo e ao labor de control da oposición. Serán os cidadáns dentro de catro anos os que valoren de xeito indirecto, xa que os cargos nesta institución non se elixen directamente, senón polas actuacións feitas nos distintos concellos, ben pola xestión dos alcaldes ante outras administracións ou ben co apoio da Deputación.

"Temos unha liña de traballo definida e non imos cambiala, pero os presupostos medrarán un pouco o vindeiro ano»

Que obxectivos se marca para o exercicio de 2021?

Manteremos a folla de ruta inicial, na que a cuestión social, a asistencia ás persoas, constitúe un piar básico. Ampliaremos a nosa rede de residencias e seguiremos potenciando ferramentas como a teleasistencia e o plan único cos concellos, que destina parte dos seus fondos ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Tamén continuará sendo unha prioridade o arranxo da rede viaria provincial, que é a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros de lonxitude. Cando cheguei á presidencia, o seu estado era mellorable e desde aquela acometemos un bo número de actuacións para favorecer a mobilidade e a calidade de vida dos cidadáns, especialmente no medio rural. Outra das nosas preocupacións é o emprego. Activamos liñas de axuda a empresas, a través de convenios, e promovemos programas enfocados a fixar poboación no rural, como o Prende ou o DepuEmprego. Creamos postos de traballo neses concellos pequenos nos que se atopan as nosas residencias. Ademais, focalizamos o noso esforzo no sector primario, con iniciativas dirixidas á produción gandeira e á promoción de produtos de proximidade. Tampouco hai que esquecer a nosa función de asistencia técnica aos concellos.

Foi tamén unha etapa na que houbo que cambiar de prioridades por mor da crise da covid-19?

Fomos sensibles ante as necesidades dos concellos para afrontar a pandemia. Dentro do plan único consignamos 10,6 millóns para financiar iniciativas dirixidas á mellora do benestar social e á reactivación social e económica co fin de combater as consecuencias económicas derivadas da crise sanitaria. Tamén lle adiantamos aos concellos 22 millóns de euros dos pagos trimestrais por recadación de impostos, 11 en abril e outros 11 no mes de setembro, para dotalos de liquidez. Desde a área de Turismo realizouse un notable esforzo para revitalizar a hostalería, a través da colaboración directa con asociacións e co desenvolvemento de proxectos de promoción. Non hai que esquecer que o turismo supón o 11% do produto interior bruto da provincia, porcentaxe que se eleva case un 13% en termos de emprego.

Nestes días están inmersos na elaboración dos orzamentos para o vindeiro ano. Haberá novidades?

Temos unha liña de traballo clara e definida e non imos cambiala. Levamos tempo deseñando o orzamento, que será de continuidade, e queremos aprobalo no pleno de novembro para que entre en vigor en xaneiro, despois dun mes de exposición pública. Así teremos todo o exercicio para desenvolver as actuacións previstas, co fin de que sexan o máis efectivas e útiles posibles para a execución das políticas do goberno provincial. As contas están case ultimadas e o seu importe medra un pouco. A situación económica non permite un incremento maior.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkO desenvolvemento da Galicia interior e o equilibrio territorial son eternas materias pendentes para a clase política. Cre que a provincia de Lugo foi a mellor nos últimos quince anos, período no que vostede estivo no Parlamento de Galicia e agora na presidencia da Deputación?

Desde 2005, cando tomei posesión como deputado autonómico, o medio rural retrocedeu moito en poboación, o que repercutiu negativamente na actividade económica. Os gobernos que teñen competencia para iso, como as comunidades autónomas, a través do deseño de políticas sobre o territorio, ou o Goberno central, que pode elaborar unha lexislación básica, deben sentar as bases para solucionar ese problema. Outras institucións, como as deputacións, colaboraremos para acadar ese obxectivo. Hai que crear polos de desenvolvemento do territorio nas comarcas para frear o despoboamento. As vilas cabeceira teñen que servir de eixo dinamizador dos pequenos concellos do arredor. Eses territorios deben ter algún tipo de industria básica que xere valor engadido e que faga de panca para empuxar o sector servizos, que por si só non medran. Hai que descentralizar un pouco as grandes cidades, que no caso de Galicia non son tan grandes, ou teremos dificultades para manter poboación en amplas zonas.

Falaba antes do peso das residencias na política social da Deputación. Cal foi o segredo para mantelas libres de contaxios de covid-19?

Para abordar este tema cómpre sermos prudentes. Os casos positivos poden xurdir por múltiples causas, pero creo que boa parte dese logro fundaméntase no noso modelo de residencias pequenas e con atención personalizada. Teñen unha media de 30 internos e 25 traballadores. Os nosos protocolos son máis esixentes que os da normativa oficial. Cando noutros sitos aínda se facían visitas, nós xa pecharamos as portas. As zonas de entrada e saída do persoal, onde se viste e desinfecta, están en puntos moi delimitados. A prioridade é a atención á persoa, non o negocio, pero no ámbito privado non sucede así. As residencias da Deputación poden ser un espello, non digo perfecto pero si digno de ter en conta, nun momento no que o presidente da Xunta de Galicia fala da necesidade de reformar o modelo de residencias en Galicia ou cando o Estado propón modificar a lexislación básica que as regula. A exposición que fixemos sobre o seu funcionamento na Semana das Rexións Europeas tamén espertou o interese de representantes de varios países.

"A institución é boa ou mala noticia polo que fai, non por liortas ou cuestións alleas ao seu funcionamento»

Como leva o feito de compaxinar a alcaldía de Monforte coa presidencia provincial?

No aspecto persoal é obrigado organizarse moito para asumir estas responsabilidades. No colectivo, teño a sorte de contar con bos equipos de goberno tanto no Concello como na Deputación. Unha vez deseñadas as políticas, non fai falta que o alcalde ou presidente estea cerca deles cada día. Coordinamos ben o traballo e todo está a funcionar correctamente.

"Feijóo debe dialogar coas deputacións e as principais cidades"

Nos plenos da Deputación adoitan facer distintas propostas á Xunta, como a referida á mellora da Atención Primaria, que parecen caer en saco roto. Cre que tería que existir un maior diálogo e receptividade co Goberno autonómico?

A Xunta erra cando non conta para nada coas deputacións para afrontar a pandemia. Desde marzo, Feijóo non se puxo en contacto comigo nin, polas noticias que teño, cos presidentes das deputacións de A Coruña e Pontevedra, para coñecer as nosas preocupacións sobre a situación dos contaxios nas distintas provincias e as inquedanzas que nos trasladan desde os concellos. O presidente da Xunta debería crear un grupo consultivo cos alcaldes das setes principais cidades e cos presidentes das deputacións para compartir información e intercambiar ideas sobre as políticas a desenvolver nesta crise. Saber o que pensa o contrario axúdache a mellorar a túa acción de goberno. Pedro Sánchez tiña cada semana unha xuntanza telemática cos presidentes das comunidades autónomas, pero Feijóo non trasladou ese modelo a Galicia. No tema da atención primaria queda claro que co peche de paridoiros e a supresión de prazas en centros de saúde temos un cadro de persoal minguado, aínda que nos digan o contrario, ante unha situación crítica. O mesmo engano sufrimos co tema dos rastrexadores. Din que había moitos e non é verdade.

Nas últimas semanas mostrouse vostede belixerante cos criterios da Xunta para aplicar peches perimetrais en determinados concellos. Cre que non se seguiron uns criterios xustos?

Non quero pensar que houbo mala intención, pero foi unha decisión que se tomou sen a aplicación de criterios estritos en función dos resultados globais. Cando se pecharon 60 concellos, houbo algúns cunha incidencia superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes que quedaron sen confinar. A Xunta pechou uns concellos con incidencia más baixa, co conseguinte dano ao comercio e á hostalería, e non o fixo noutros con datos máis altos. Pareceume arbitrario. Dixeron que o acordo baseouse nos argumentos médicos ditados polo consello asesor para a pandemia. Resulta chocante que cando toma unha decisión o gabinete asesor estatal non vale, pero se a toma o de Galicia si, pero todos sabemos que os acordos no Diario Oficial de Galicia publícanos os gobernos, non os asesores médicos. Eses que din que defenden a economía están a facer todo o contrario.

"Hai que facerlle unha serie de esixencias legais a Alcoa para que rectifique e venda a planta á Sepi ou a Liberty House"

Como ve a situación de Alcoa na actualidade?

Houbo demasiada política de fotos. Feijóo cansouse de facer visitas á fábrica de San Cibrao, na etapa preelectoral, e afirmou que se gañaba as eleccións o problema do peche da planta de Aluminio estaría solucionado ao día seguinte, pero chegou ese día despois e a realidade é a que é. O Goberno de España fixo unha xestión seria do problema e plantoulle cara a Alcoa, que, de momento, mantén a factoría aberta e sabe que non se vai ir de rosiñas como pretendía. O Executivo central, despois de moitas xestións, presentoulle un comprador co fin de manter a actividade e os empregos, pero Alcoa négase e demostrar que actúa de forma premeditada desde un principio e que xogou connosco. Houbo quen lle fixo o xogo á empresa, penso que de forma involuntaria, pero non vou citar a ninguén.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkCal é a postura do Goberno provincial?

Desde a Deputación dixemos desde o primeiro día que había varias cuestións polas que á empresa non lle sería tan doado marchar. Por un lado, había que recuperar o diñeiro público que se lle entregou para o funcionamento e a mellora das instalacións, uns cartos que non se investiron e que deben reverter ao Estado. Por outro lado, non se pode marchar cos beneficios e deixarnos un problema medioambiental como é a balsa de lodos vermellos. En terceiro lugar, sempre sostivemos que a decisión de Alcoa de deixar de producir en Lugo para facelo en Arabia Saudita obedece a acordos xeopolíticos.

Cre que o Goberno central demora a intervención da factoría, como denuncia o comité de empresa?

A intervención é unha posibilidade, pero non é unha fórmula de fácil execución desde o punto de vista xurídico. Están as regras de mercado e noutros casos poden pedir o mesmo, como o de Nissan, en Cataluña, aínda que a nós o que nos importa é Lugo e a defensa desta industria vital para A Mariña e a provincia. No ámbito legal hai unha serie de medidas que se lle deben esixir á empresa para dificultar as súas pretensións e agardar que entre en razón e acepte vender a planta á Sepi ou a Liberty House.

"No 2021 toca congreso e será o momento de elixir ao líder do PSdeG"

Vostede era optimista de cara aos resultados do PSOE lucense nas autonómicas. Por que quedaron por debaixo das expectativas?

Acato a decisión dos votantes, pero teño claro que o motivo foi a pandemia. As enquisas que manexabamos os partidos antes do estado de alarma, incluídas as do PP, apuntaban que Feijóo estaba a piques de perder a maioría absoluta, situaban ao PSOE como segunda forza política en Galicia e Lugo e outorgaban unha subida importante ao BNG. Desde o inicio da crise sanitaria houbo un ataque por parte dos medios de comunicación públicos galegos cara a xestión do Goberno central e a xente interiorizou esta situación. A Feijóo veulle de marabilla crear este ambiente e que se freara o debate político antes das eleccións, como tamén lle sucedeu ao Goberno vasco do PNV. Nas autonómicas, a xente vota noutra clave, que nada ten que ver coa política local. Podes ser alcalde cunha maioría ampla, como me sucedeu a min en Monforte, e perder nas galegas.

No PSOE xorden voces críticas, como hai uns días na Coruña, cara a Gonzalo Caballero, ao que vostede é próximo. Como ve estes movementos?

Hai que respectar a posición dos compañeiros de partido e coñecer a situación de cada agrupación para valorala, pero debe primar o diálogo e hai que arranxar estas cuestións dentro dos órganos do partido. No 2021 toca congreso e será o momento no que os militantes poderán elixir entre as alternativas que se presenten.

Hai quen manexa o nome de Gómez Besteiro como unha opción na recámara para a secretaría xeral. Que opina ao respecto?

Temos preto de 11.000 militantes e todos poden ser candidatos a secretario xeral.

Comentarios