Guitiriz e O Seixal abordan proxectos a nivel local a prol da sostibilidade

Ambos concellos intercambian experiencias cunha iniciativa para implementar os 17 ODS
Visita ao pantano de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Visita ao pantano de Guitiriz. C.PÉREZ

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade puxo en marcha o programa Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), ao que se sumaron seis concellos galegos, entre eles Guitiriz, que xa comparte experiencias sostibles que poidan aplicarse no eido local coa Cámara Municipal de O Seixal.

Unha delegación portuguesa, composta por dúas técnicas do municipio, Helena Palacino e Celia Pestana, e dúas representantes da ONG lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr, Ana Castinheira e Monica Silva, participa onte e hoxe nunhas xornadas na Casa Habanera, á que asisten representantes de varios sectores.

Se a primeira xornada se centrou en presentar os concellos e en repasar os 17 obxectivos que marca a Axenda 2030 para o densenvolvemento sostible fixada pola Onu, así coma a súa aplicación real, a segunda é máis dinámica, con debates sobre os pasos a dar para sensibilizar á poboación e implementar políticas sostibles.

"Está a ser unha experiencia moi gratificante, que nos vai abrir posibilidades", aseguraba a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, na primeira xornada de intercambio, na que a delegación portuguesa tamén realizou unha visita á area recreativa de Guitiriz, para coñecer como se abastece de agua a vila, e se interesou por un dos principais recursos turísticos do municipio, a Ruta da Auga.

"É un foro de traballo moi interesante e moi útil, creo que temos moito que aprender de Portugal", concluíu a rexedora, que espera que este primeiro contacto sirva para importar iniciativas aplicables en Guitiriz, malia as diferencias entre os municipios.

E é que, como precisaban Celia e Helena, O Seixal é un concello urbano de 92 quilómetros cadrados e 168.000 veciños, o que contrasta coa localidade «verde, tranquila e rural» que atoparon en Guitiriz.

A cámara portuguesa conta cun grupo de traballo, con representación de todos os servizos, que traballa para acadar os ODS a través de xornadas de formación interna, para funcionarios, e externa, nas escolas, ou distintas accións de sensibilización. Ademais, desenvolven proxectos concretos, coma o obxectivo carbono cero, co que fomentan o uso de vehículos eléctricos, tanto no eido público coma entre a veciñanza. E para apoiar a causa instalaron puntos de carga e apostan por ter patinetes e bicicletas eléctricas.