Guitiriz honra a Manuel María cunha muiñada

O Concello, De Bares y Xermolos organizan mañá varios actos
Muíño de Parga
photo_camera Muíño de Parga

O Concello de Guitiriz, a asociación de hostaleiros De Bares e Xermolos uniron forzas para celebrar o Día do Libro cun protagonista destacado, Manuel María, que estará presente no completo programa de actos que as tres entidades organizan este sábado ao longo de toda a xornada, entre eles unha muiñada en Parga.

As propostas comezarán ás doce do mediodía na Casa Habanera de Guitiriz, onde se fará unha lectura de poemas de Manuel María, a cargo de varios voluntarios. Ademais, no CIT de Parga, Xermolos montará unha exposición con obras de Manuel María e outras dedicadas a el. "Temos que saír á rúa cos libros, porque son un agasallo, sobre todo tratándose de Manuel María", di Alfonso Blanco, quen asegura que a mellor homenaxe que se lle pode facer é "lelo e compartilo".

Xa pola tarde, os actos trasladaranse a Parga, onde para as 17.00 horas está fixada unha demostración de moenda no muíño de Parga –o acto tivo que retrasarse en dúas ocasión por mor do anegamento destas instalacións–.

A continuación, ao redor das 18.00 horas, abrirase oficialmente o Ano Manuel María, nun acto no que intervirán varios escritores e músicos convidados, que interpretarán poemas del, relacionados co muíño, con Parga, con Guitiriz ou coa ponte e a capela de San Alberte. Tamén está previsto que actúe a coral Xermolos, cuxo himno foi composto polo escritor de Outeiro de Rei.

O fin de festa porano, a partir das 19.30 horas, os cantos de taberna, que se desenvolverán nos tres locais socios de De Bares: o restaurante Comba e os bares CIT e A Roda.

TRANSPORTE. Coa colaboración da empresa local Muíños Autocares, fixouse un servicio de transporte en autobús para unir Parga e Guitiriz sen ter que depender do coche. A saída dende o núcleo urbano guitiricense farase media hora antes do horario fixado para cada actividade.

Comentarios