Guitiriz estrea o seu primeiro PXOM tras 15 anos de intensos traballos

A conselleira de Medio Ambiente, nun acto coa rexidora, firmou a orde de aprobación definitiva
2020060211495372800
photo_camera Ángeles Vázquez, Marisol Morandeira e Encarna Rivas, na firma da aprobación definitiva do PXOM. C. ARIAS

Despois de 15 intensos anos de traballos, Guitiriz estrea o seu primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que substituirá ás normas subsidiarias de 1985 co obxectivo de ser "unha folla de ruta" para desenvolver o urbanismo e o crecemento do concello, tal e como destacou a rexedora, Marisol Morandeira.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, rubricou a aprobación definitiva do plan, nun acto na Casa Habanera no que estivo acompañada pola alcaldesa e no que se respetaron as distancias.

"É un momento moi importante para Guitiriz. Despois de tantos anos de espera, debido á longa tramitación que require un plan xeral, chegamos á súa aprobación definitiva. Moitos só levamos aquí un ano, pero todos somos conscientes da importancia e do impacto que suporá para Guitiriz contar cun plan vivo que permitirá que medremos como pobo", expresou a rexedora, que agradeceu a colaboración da Xunta e recordou que o plan recibiu o apoio unánime de tódolos grupos políticos municipais .

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola súa parte, destacou que o PXOM "contribuirá a que o municipio se consolide como un destino turístico seguro, algo que agora mesmo aínda se fai máis primordial".

"Contar cunha paisaxe ordenada é imprescindible", expresou Ángeles Vázquez, que recordou que son xa 107 os concellos galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente, ao tempo que destacou que entre os principais obxectivos do guitiricense está "o desenvolvemento dos recursos termais e o uso da pedra e a cantería, tanto de xeito industrial como para imaxe de marca e recuperación da tradición".

O novo plan, que entrará en vigor unha vez saia publicado no DOG, favorecerá a consolidación do polígono industrial

O PXOM de Guitiriz, que entrará en vigor unha vez saia publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), xerará novos espazos para o desenvolvemento directo en Guitiriz e Parga —executaranse a través do propio plan ou por medio de plans especiais para ir compactando os núcleos urbanos— e no rural, co recoñecemento de máis de 300 núcleos.

En canto ao solo urbano e urbanizable, que suman o 0,5% da superficie total do municipio, o plan propón crecementos ordenados para uso primario residencial, pero tamén fai unha aposta pola recuperación de núcleos tradicionais e do xa construído, prevendo a creación dunha área específica de rehabilitación do medio rural.

O novo plan, ademais, tratará de poñer en valor o pasado termal, a través de proxectos e iniciativas privadas, como a creación dunha auténtica vila termal planificada e ordenada, a revalorización do patrimonio cultural e natural de espazos como o castelo de Parga, a ponte, a carballeira e a fonte e cunha proposta de recuperación do antigo balneario de Pardiñas.

A pedra terá tamén un papel singular. Proponse a declaración dunha antiga canteira como Espazo Natural de Interese Local e os petróglifos do concello como Ben de Interese Arqueolóxico e poténciase o seu uso como elemento definitorio da imaxe do municipio.

O PXOM favorecerá tamén a consolidación do polígono, ampliando a superficie para que poida acoller novos proxectos. Reserva para zonas libres e verdes 92.519 metros cadrados e para equipamentos comunitarios, 49.820.

O plan xeral de Cospeito volve a exposición pública para a aprobación inicial 
No concello chairego de Cospeito retómase, tras o parón tras decretarse o estado de alarma, a exposición pública do expediente de aprobación inicial do PXOM. 

"En data 20 de xaneiro de 2020 publicábase no DOG a aprobación inicial do PXOM e abríase un prazo de información pública de dous meses para que aqueles que tiveran interese presentaran as súas alegacións", recordan dende o Concello de Cospeito, ao tempo que indican que tras o parón obrigado do estado de alarma, no que se suspenderon todos os prazos administrativos, reanúdase agora a exposición pública para a presentación de alegacións. 

Horarios
Toda a documentación, como se estaba facendo, poderá consultarse na casa da cultura de Feira do Monte, onde está exposta, tódolos días e haberá asistencia técnica con persoal do equipo redactor o xoves e o venres pola mañá en Feira do Monte e o venres pola tarde na casa de cultura de Muimenta. 

O prazo de consulta e para presentar alegacións finalizará o próximo luns, día 8, e dende o Concello animan a todos os veciños a participar e a aportar o seu punto de vista. 

Comentarios