Grazas

Podería eu dicir: ''(...) Os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. As historias, os libros: eis o fío verdadeiro que nos une a todas as persoas do planeta''.

E engadir: ''Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra os que a forzaban a sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuídos do mundo... Lembro agora as palabras de Martin Luther King: As nosas vidas comezan a se acabar cando gardamos silencio sobre as cousas que realmente importan''.

Así marabillosamente falou Agustín Fernández Paz no seu discurso 'Oito doas para San Simon' como mantedor da gala de entrega dos premios Xerais 2009 o pasado sábado. Por iso, e porque non quero gardar silencio sobre as cousas que realmente importan, mil grazas por estardes aí.

Comentarios