Opinión

Gran impulso á vía Künig

O día 3 de agosto realizábase a primeira gran marcha sendeirista polo tramo da Vía Künig entre Baralla e Castrillón do Corgo. Duascentas cincuenta persoas, animadas pola asociación “Pegadas do Künig”, percorremos os 18 quilómetros que separan a capital do antigo concello de Neira de Xusá cun dos castros máis fermosos da nosa provincia, o de Castrillón. Con este acto, e co I Trial Vía Künig organizado ese mesmo día pola tarde nas Nogais por “Rodas Arriba team de Pedrafita”, a sociedade civil visibiliza o apoio ao grupo de traballo que leva anos na angueira de conseguir que a Xunta de Galiza recoñeza esta variante do Camiño Francés (aínda que moitos alcaldes non gusten de partillar a nomenclatura de Camiño Francés) como Camiño Oficial de Santiago.

Pegadas do Künig é unha asociación de recente creación (ten pouco máis dun mes) promovida por un grupo de mozos e mozas, que fundamentalmente pertencen ao concello do Corgo, e cuxa finalidade principal é a de promocionar a variante do itinerario xacobeo entre As Ferrarías (pertencente ao concello da Veiga do Valcarce) e Santiago de Compostela a través dos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. Dende logo que non puideron comezar con mellor pé despois da fantástica organización dunha marcha pedestre que, por motivos de organización, tivo que poñer límites vista a avalancha de última hora para inscribirse na actividade. Unha xornada que mesturou á perfección o exercicio físico, o coñecemento do patrimonio natural e cultural e a solidariedade xa que coa inscrición no evento colaborábase coa asociación lucense “Somos unidos por el cáncer”.

Aínda que xa temos falado da Vía Künig noutros artigos, non deixa de ser o camiño que realizou o monxe alemán Hermann Künig von Vach para peregrinar a Compostela e que quedou recollido nunha minuciosa guía no 1495, reeditada en numerosas ocasións e dirixida fundamentalmente aos seus compatriotas alemáns. A Vía Künig emprega o itinerario do Camiño Francés dende Roncesvalles pero con acertadas modificacións (para salvar dificultades no camiño) como o “Allefaber” (A Faba) preto do Cebreiro. Esta variante permítelle ao peregrino/a (cun leve desvío de 15 km) evitar un complexo paso invernal visitando a monumental cidade de Lugo que xa no século XIII posuía, nunha capela lateral da Catedral, un altar para a adoración ao Santísimo Sacramento, día e noite, á vista dos fieis.

Algo semellante ocorre coa Vía Rexia do Norte, variante do Camiño Norte que pasando pola Veiga e Meira achégase a Lugo antes de partir cara Compostela por un percorrido que hoxe coincidiría co do Camiño Primitivo. Nesta outra vía tamén están involucrados os concellos polos que pasa co fin de documentar, trazar e sinalizar unha vía pola que levan pasando peregrinos dende sempre (pero actualmente polo beiravía da estrada nacional 640). Dous itinerarios que converten a Lugo na antesala de Compostela para a maior parte dos peregrinos que durante séculos fixeron da Galiza o epicentro relixioso de Europa.

E volvendo á xornada do sábado, non me queda outra que recomendar a etapa Baralla-Castrillón a todas as persoas que gusten de camiñar pola natureza. Porque ademais de poder desfrutar dun patrimonio relixioso e etnográfico, que é característico da maior parte dos camiños de Santiago, posúe o encanto dun trazado que pasa por congostras que co tempo foron quedando ocultas pola maleza e que discorren por carballeiras e soutos centenarios. Unha maridaxe coa natureza que as grandes rutas perderon pola masiva afluencia de peregrinos/as e as malas actuacións das administracións. Parabéns ao grupo capitaneado por Javier Gómez Vila polo que será un gran revulsivo económico para esta zona despoboada e envellecida do interior.

Comentarios