O Goberno entrega 58.000 máscaras á Xunta, que as considera "insuficientes" e pide máis

A Xunta, a través da Fegamp, inicia o reparto de 15.000 máscaras e 100.000 pares de luvas a concellos pequenos
Alfonso Rueda. EFE
photo_camera Alfonso Rueda. EFE

A Xunta recibiu este luns un novo lote de 58.000 máscaras proporcionadas polo Ministerio de Sanidade, co que xa son 85.000 as entregadas desde o inicio da crise sanitaria polo Executivo central á Administración autonómica, que insiste na necesidade de contar con máis material de protección. "Benvidas sexan, pero non son suficientes", sinalou o número dous do Executivo galego, Alfonso Rueda, en declaracións realizadas este luns desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias na Estrada, onde presidiu unha reunión cos delegados territoriais da Xunta. 

O vicepresidente da Xunta concretou que, desde o inicio da crise provocada polo avance do covid-19, a Administración autonómica recibiu tres lotes de material sanitario: o primeiro o venres 13 (15.000 máscaras), o segundo o pasado venres 20 ("case" 12.000 máscaras) e o terceiro e último chegado este luns con 58.000 máscaras. "Seguimos reclamando os envíos comprometidos polo Ministerio de Sanidade e o Goberno central unha vez que asumiron a centralización da adquisición de material sanitario e a súa distribución", incidiu Alfonso Rueda, que manifestou que a Xunta espera que estes envíos se concreten nos próximos días. 

Este luns arrincou a repartición de material sanitario a concellos pequenos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias

Neste sentido, expresou que hai "determinadas administracións", especialmente os concellos máis pequenos, que "a día de hoxe non teñen practicamente nada" e "necesitan" apoio desde as administracións. "A día de hoxe, o apoio que teñen é o da Xunta de Galicia", asegurou Rueda, que confirmou que este luns arrincou a repartición de material sanitario a concellos pequenos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

CONCELLOS PEQUENOS. Deste xeito, faranse entrega de 15.000 máscaras e 100.000 pares de luvas, unha "axuda importante" para que os municipios poidan seguir prestando servizos con seguridade e os empregados que realicen estas tarefas estean protexidos. 

Rueda: "Seguiremos insistindo na importancia de gardar as medidas de confinamento, de illamento social. Isto é importantísimo, é a arma fundamental"

Tamén este luns comezan a despregarse polo territorio galego as brigadas compostas por persoal da Consellería do Medio Rural do servizo de extinción de incendios, que se dedicarán a traballos de desinfección en exteriores, centros sanitarios e residencias en concellos do rural e de menos de 50.000 habitantes. 

Ademais, estes equipos tamén velarán polo cumprimento das medidas de confinamento e illamento social decretadas no estado de alarma. Así, patrullarán por camiños e pistas forestais, aínda que non terán capacidade sancionadora.  "Seguimos traballando xuntos e unidos. E seguiremos insistindo na importancia de gardar as medidas de confinamento, de illamento social. Isto é importantísimo, é a arma fundamental que temos para previr unha rápida extensión do coronavirus e ir aos poucos controlando a enfermidade", incidiu Rueda. 

Comentarios