Gerardo Criado: "Baamonde terá que adaptarse, Vilalba non é a de hai doce anos"

Chegan uns días intensos na alcaldía da capital chairega, coa renuncia do actual rexedor dando paso a un vello coñecido no Concello ► Agustín Baamonde, e pechando un círculo aberto no 2005 ► Para ambos comezan novas etapas que, no caso de Criado, afronta con "ilusión"
Gerardo Criado, na alcaldía vilalbesa
photo_camera Gerardo Criado, na alcaldía vilalbesa

GERARDO CRIADO afronta as súas últimas xornadas como alcalde de Vilalba, un posto ao que renunciará a próxima semana, previsiblemente o xoves, despois de tomar posesión hai uns días como senador. Un novo cargo que o leva a deixar outro que ocupaba desde hai case doce anos, xa que "a alcaldía dun pobo como este, independentemente do cambio que propuxo o partido, merece dedicación exclusiva". 

Como se sente ante o momento de deixar a alcaldía?
Unha vez que tomei posesión como senador, afróntoo con ilusión, porque é unha nova etapa coa que xa non contaba despois de doce anos na alcaldía e tres eleccións nas que encabecei as listas, nuns momentos de crise e dificultades económicas. Pero coa colaboración dos compañeiros do equipo de goberno e de xente que axudou a que o proxecto do PP saíra adiante, logramos reter a alcaldía en Vilalba, sobre todo en 2015, nunhas eleccións moi difíciles para o partido cunha perda moi grande de apoios a nivel xeral. 

Que valoración fai desa perda de votos que tivo o PP en Vilalba?
Hai que facer unha valoración positiva porque en comparación con sitios como Lalín ou Verín, onde se perderon alcaldías, ou con poboacións similares á nosa, como Viveiro, Monforte, Sarria, Ribadeo ou Chantada, o único sitio onde goberna o PP é Vilalba. E isto hai que poñelo en valor cos compañeiros cos que nos presentamos a estas eleccións, as máis difíciles. Para min, foi o de máis mérito a nivel político; as outras foron nun contexto distinto, en 2015 foi moi, moi difícil. 

E de non rematar o mandato?
Eu tamén collín a alcaldía a metade de mandato. Non rematalo véxoo como unha circunstancia na que o alcalde non ten a única palabra. Esto non é algo permanente, nin este sillón nin este despacho é meu, é coxuntural. Só es alcalde, aínda que considero que ser rexedor do concello no que nace un é o máximo ao que pode aspirar unha persoa que se dedica á vida pública. 

"Este cambio é un paso en metade do mandato; despois haberá que decidir o próximo candidato ás municipais"

Que balance fai dos seus anos á fronte da alcaldía?
Nese contexto de crise económica, logrouse estabilizar económicamente o Concello, que hai dez anos tiña sete millóns de euros de débeda e imos rematar este ano sen chegar aos 2,5, conseguindo que os servizos seguisen funcionando e mellorando moitos. 

Que cambios experimentou Vilalba durante os seus mandatos?
A vila é totalmente distinta. En case todas as esquinas se fixo algo e acometeuse algún tipo de obra pública en todas as rúas. Tamén se renovou completamente a rede de abastecemento, mellorouse a área recreativa, novo campo de fútbol, novos aparcamentos, nova gardería, a remodelación do campo da feira, o impulso do polígono... E no medio rural tamén se fixeron investimentos, sobre todo nas vías e nas escolas. 

Algún momento positivo que destacar?
Que acabas sendo coñecedor dos problemas da xente e tratas de solucionalos. A vida política local é moi enriquecedora. Gasta, porque estás en constante contacto cos problemas da xente e acabas sendo un sociólogo, pero acaba sendo moi agradecido. 

E algún malo?
Cando che comunican un accidente ou algún suceso con vítimas. 

Devólvelle a Agustín Baamonde o bastón que el lle deu en 2005. Como o ve para a súa segunda etapa na alcaldía?
Faise este cambio porque así o decidiu o partido, e iso habería que preguntarllo a el. As circunstancias son totalmente distintas, pero ten a súa experiencia e sabe como funciona o Concello. Terá que adaptarse aos tempos, que son distintos a hai doce anos, igual que a sociedade vilalbesa, pero el capacidade ten de sobra. 

Desde que saltou a noticia, houbo voces que dixeron que era unha volta atrás, que non había renovación...
Nestes momentos do cambio, a xente pode opinar porque parece que é un salto para atrás e que o PP non ten outras persoas, cando si hai moitas que teñen capacidade para dirixir este Concello. Esto é un paso en metade do mandato, despois haberá que decidir quen será o próximo candidato ás eleccións municipais. 

"Nun periodo de crise, logrouse estabilizar economicamente o Concello"

Entón, é como unha sustitución temporal.
Unha cousa é que haxa unha sustitución en medio da lexislatura e outra unha nova. O PP de Vilalba terá que facer o seu comité e no seu momento, que non toca agora, facer un partido acorde ao que precisa a sociedade e decidir o que é mellor para os veciños para seguir gobernando Vilalba. 

O PSOE suxeriu que este baile de sillas obedecía a que o partido quería protexelo cun aforamento ante unhas denuncias súas. Que diría a estas críticas?
Que non dan unha no cravo. E que xa entra no nivel da difamación persoal, polo que se pode poñer unha querella. 

Como afronta a súa nova etapa no Senado?
Con ilusión e orgullo, nunca pensei en chegar a ser senador. E desde a humildade de representar a provincia, a Terra Chá e Vilalba. 

Sempre dixo que un é alcalde as 24 horas os 365 días. Botarao de menos?
É un proceso de desconexión a nivel persoal e emocional. Despois de doce anos, a vida local cansa, desgasta moito. O Senado é máis tranquilo. E deixar de estar 24 horas dispoñible custa e os hábitos e rutinas vounos botar de menos. Pero seguirei de concelleiro e ao servizo dos veciños, por responsabilidade coa lista que encabecei. 

Algún proxecto que lle quede pendente e lle gustaría ter rematado?
A escola infantil, que é fundamental para a conciliación familiar e laboral. Se non temos cuberto isto, non nos podemos queixar de que o concello non medra e se fai vello. Pensouse daquela que duplicando as prazas coa nova se cubría a demanda, pero non. Agora haberá que facer outra municipal. Tamén habería que potenciar o sector turístico, sen esquecer o polígono, e aprobar o PXOM.

Comentarios