Blog | A Semana do Revés

Gasto para aprender a gastar

A viaxe de políticos e técnicos a Italia invita a pensar sobre a utilidade dos fondos europeos

TRANSFERIR á sociedade o coñecemento que xera a universidade, o resultado das súas investigacións, é moitas veces un dos pasos que falta, e que adoita criticarse, e un dos obxectivos co que se presentou Lugo+Biodinámico. Trátase de sacar proveito ao traballo da área de madeira da Escola Politécnica, que ten ata un máster sobre a materia, e ao sector forestal, de gran peso en Galicia, e, á vez, reproducir en Lugo o que xa se fai noutros países: construír con madeira, de especies autóctonas, en concreto. Todo iso con fondos da UE (1,7 millóns), do Concello (540.000 euros) e da Deputación (526.000) euros. 

A Escola Politécnica colaborou na redacción de Lugo+Biodinámico –que en novembro do ano pasado recibiu a confirmación de financiamento da UE– e esa circunstancia seguramente é unha das mellores garantías que ten o proxecto. Sen desmerecer o traballo dos técnicos do Concello, que levan máis dunha década elaborando programas e captando e executando fondos da UE. Pero, aínda que non se pode discutir que Lugo é unha cidade que medra e precisa vivendas –ou si se pode, porque cada vez medra menos e hai centos de vivendas baleiras–, nin que Galicia ten un enorme potencial forestal, algunhas das accións previstas provocan escepticismo, aínda que non se queira. Pola natureza das mesmas, polos antecedentes que temos e polo sucedido nos últimos días.

Empecemos polo último. Quince persoas, ¡quince!, viaxaron a Italia con cargo a fondos públicos para coñecer "experiencias de uso da madeira como elemento estrutural". Quizais o país é pioneiro neste campo, non nolo explicaron, e sempre foi bo ampliar miras, así que é posible que a viaxe estea xustificada. Ademais, foron só dous días e suponse que a comitiva non andivo de troula nin malgastando. Porén, é moi difícil de entender, cando non imposible, que se desprazaran quince persoas e que tres delas foran políticos (a alcaldesa, un concelleiro e unha deputada). Acompañáronos traballadores do Concello –tres, non un–, un xestor do campus, profesores da Politécnica, unha profesora da Universidade Politécnica de Madrid que tamén colabora no proxecto e membros de empresas madeireiras. 

Algunhas das accións incluídas en Lugo+Biodinámico tamén fan pensar. Está previsto construír un edificio bioclimático xunto ao parque empresarial das Gándaras para centro de formación e divulgación do clima. Terá 500 metros cadrados, será de madeira, claro, e xa ten nome, Impulso Verde. Levará unha caldeira de biomasa porque tamén está previsto facer unha plantación piloto para o aproveitamento de madeira con fins enerxéticos. 

En paralelo, prevense plantar árbores frondosas autóctonas para o aproveitamento da madeira no medio urbano, así como levar a cabo un proxecto piloto para a construción de vivendas biosostibles, en terreos propiedade do Concello que suman 20 hectáreas e están situados a ambos lados de Duquesa de Lugo, nas inmediacións do cruce con Paulo Fabio Máximo. Quérese, en definitiva, converter As Gándaras nun "barrio multiecolóxico" e poñer as bases para que, que arredor del, se xere unha actividade empresarial coa madeira como elemento estrutural. 

O Concello ten catro anos, ata o 2020, para executar o programa e o que hai feito a día de hoxe é a constitución dos comités de dirección e seguemento –estase definindo a contratación dunha xerencia– e unha viaxe cuxo proveito está por ver. Si, xa sabemos, é un goberno reducido e inexperto e o Concello ten pouco persoal e moito que facer, pero precisamente por todo iso, é inevitable que xurdan moitas dúbidas de en que acabará todo isto. 

Tampouco axuda recordar que foi doutros proxectos que tamén foron financiados pola Unión Europea e que teoricamente tamén eran sostibles, como o parque de enerxías renovables do Ceao. Costou preto de 800.000 euros (182.000 euros viñeron da UE e o resto púxoo o Concello), os paneis solares apenas funcionaron e houbo que paralos porque gastaban máis que producían. 

Este goberno, que ao mesmo tempo que cae en erros tamén amosa xeitos diferentes, colleu Lugo+Biodinámico presentado e seguramente non procedía renunciar a el cando lle foi aprobado, pero non viría mal pararse a pensar se a cidade debe seguir tratando de captar todos os fondos europeos posibles, da forma que sexa, ou se vale a pena escoller máis. Non só supoñen traballo, tamén aportación económica do Concello, e o proveito que se saca dalgúns deles é difícil de avaliar. Aínda que tamén pode ser que, nun campo tan competitivo coma este, haxa que ir sempre a por todas. Iso se a Unión Europea non pecha o grifo como castigo a España polo incumprimento do déficit, como puxo sobre a mesa hai uns días.

Comentarios