Imprimir

O gaiteiro David Bellas dá a coñecer as limitacións que lle produce a psoriase

Marita Negrelos | 17 de octubre de 2020

Man de Bellas cos síntomas visibles da doenza.AMA
Man de Bellas cos síntomas visibles da doenza.AMA
A doenza faise agora máis visible logo de ter deixado o tratamento ao ter que paralo durante a crise do coronavirus

O coronavirus trastocou avida cotiá da humanidade, pero a a nivel individual tamén. As persoas con certas doenzas nótano máis, sobre todo as que se privaron de ir ao médico ou decidiron deixar algún tratamento, porque xa tocaba facer parón e o covid-19 parecía que brindaba o momento axeitado. É o caso do gaiteiro viveirés David Bellas, quen padece dende mozo unha psoriase que lle produce severas limitacións.

Estes días amosa no seu Facebook imaxes das súas mans, logo de ter recibido preguntas sobre os motivos polo que estaba menos activo. Bellas explica que o proceso de renovación da pel que unha persoa normal "fai en 30 días, eu fágoo en dous e isto prodúceme feridas, picazón e dor".

 

Con só 25 anos soubo da doenza que tiña e logo de probar numerosos tratamentos, os especialistas do Hospital da Mariña —aos que louba— propuxéronlle un biolóxico co que estaba moi contento, pero "cada certo tempo hai que facer un descanso, que estaba alongando, pero aproveitando a irrupción do virus fíxeno. Pero en xuño xa empecei a ir mal e dende setembro estou pior, cústame durmir, moverme, polo que estou facendo de novo as probas para que me volvan dar a menciña", explica.

Todo isto a pesares de que terá menos defensas e iso convérteo en grupo de risco ante o covid-19. Por iso agora ten medo. "Intento levar todas as medidas a raxatabla e no conservatorio, onde dou clases, estánse coidando ao límite todos os protocolos, pero ao final todos saímos á rúa", indica.

ESFORZO. A enfermidade tamén lle afecta no seu traballo e para tocar a gaita. "Cando tes gretas nun brazo, sentes tirantez cando se abre a pel ou podes ter un sangrado, é complexo. Podo tocar con moito esforzo, pero non demasiado tempo, chego esgotado ao final do día. Cústame un trunfo facer esas actividades físicas", conta.

David Bellas di que "síntome ben atendido" e subliña que o tratamento "é case máxico" ao paliar moitos dos efectos da doenza, aínda que "non ten cura, pero dende 2017 a 2020 estiven limpo, cun pinchazo ao mes". Ademais tenta levar unha vida san, no posible, para evitar outras doenzas que poden xurdir, como a obesidade, diabete ou problemas cardíacos.

VISIBILIZAR. O músico viveirés sentiuse na obriga de amosar a súa realidade, que tamén pode afectar a nivel mental, di, sobre todo porque "a persoa vése mal esteticamente". Para visibilizar este problema deuno a coñecer e resalta o labor do colectivo Acción Psoriasis, que fai campañas no verán para que a xente non teña vergoña de amosar o seu corpo.

"Teño pasado calor por non levar os brazos descubertos, sínteste mal", sinala. "Ese cambio de pel anómalo dáche cansanzo, aínda que eu intento velo todo dende un punto de vista máis positivo. Non é unha infermidade que mate, pero ensina cousas, a min ensinoume a ir con máis calma, a decir que non, a vivir doutra maneira, porque non sempre podía estar ao 100%", explica.

Bellas recoñece que "é difícil non estar estresado cando che doe catro horas, ou che pica todo o corpo, é a pescada que se morde a cola: a enfermidade produce estrés, se rascas as lesións produces máis". Así relata como vive coa psoriase unha persoa inqueda por natureza que di que cada vez a leva mellor.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/a-marina/gaiteiro-david-bellas-da-conecer-limitacions-lle-produce-psoriase/202010171425231465061.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)