Blog | A Semana do Revés

Se os funcionarios funcionan

O papel dos traballadores ten igual ou máis incidencia na cidade que a xestión política

policia local
photo_camera Dous axentes prestando un servizo na Ronda da Muralla. J. VÁZQUEZ/AE

DENDE o 27 de maio, o día despois das eleccións municipais, algo cambiou en Lugo. As urnas deron un novo goberno, unha coalición PSOEBNG, pero esta non se formalizou ata hai pouco máis dunha semana e non tivo que ver —ou si, segundo se vexa— en que a cidade volva a ter Policía Local. Hai os mesmos axentes que había, pero agora vense máis; os condutores que aparcan enriba das beirarrúas reciben sancións; xa houbo dispositivos para controlar as molestias da movida nocturna, para frear carreiras ilegais ou para evitar a actividade dos gorrillas, e as empresas que precisan ocupar a vía pública para facer algún traballo obteñen os permisos pertinentes. Os policías acoden, ademais, a chamadas domiciliarias para auxiliar a anciáns que caen e non se poden levantar, un exemplo de servizo que prestan moi a miúdo, que moitos cidadáns descoñecen e do que agora se informa.

O que cambiou é que a Policía Local levaba case medio ano sen mando e incorporouse ao posto, tras unha longa baixa médica, o inspector Jesús Piñeiro, que leva case 40 anos no corpo e ten dúas cualidades necesarias para ser xefe, querer selo e ter o respecto dos subordinados. O da Policía Local é un exemplo, pero non o único, de que non depende só dos políticos que unha cidade funcione. Probablemente ten moita máis trascendencia a profesionalidade e a implicación dos traballadores das administracións. Aínda que nisto, é obvio, Se os funcionarios funcionan teñen moito que ver os gobernos, que son os que teñen que trazar e que priorizar as accións e os que, xunto ás organizacións sindicais, teñen a responsabilidade de xestionar o persoal.

Se o Concello de Lugo é líder na captación de fondos europeos dende hai lustros é porque hai un eficaz equipo de desenvolvemento local, pendente de convocatorias, avezado na presentación de proxectos e ben engrenado con outros departamentos, como medio ambiente e urbanismo. Os éxitos xudiciais que dende hai un tempo acada o Concello en contenciosos de distinto calado —aprobación dos orzamentos de 2018, nomeamento do anterior director xeral de recursos humanos, anulación dun contrato a unha empresa por incumprimento de cláusulas sociais...— di ben da asesoría xurídica municipal, pero tamén dos funcionarios que fixeron os correspondentes procedementos administrativos, o mesmo que no caso do arquivo da denuncia penal do PP polos contratos caducados.

O plan de loita contra o xabaril na cidade, que liderou a Consellería de Medio Ambiente, semella insuficiente para controlar o censo deste animal salvaxe e evitar os danos que provoca nos cultivos e nas estradas, pero de momento cumpriu o fin que perseguía, que era afastalo da cidade. Fíxoo, ademais, cunha discreta e eficaz coordinación con outras administracións. A pregunta é por que o funcionamento dos servizos públicos é noticia e canta responsabilidade teñen os funcionarios e canta os políticos en que as administracións funcionen.

Jácome e a "guerra xurídica"

A JÁCOME chegáronlle uns días na alcaldía de Ourense para ver "o caos" e a "guerra xurídica" que, di, hai no Concello. Traballadores que non están na súa praza senón noutra, procedementos que dificultan a xestión, técnicos con criterios distintos sobre un mesmo asunto... O charlatán rexedor describiu unha situación que se dá en moitos concellos, coa que tamén se topou Lara Méndez e que o BNG descobre agora.

Cortesía entre os socios

O BIPARTITO de Lugo empezou a rodar sen dificultade aparente e con bastante cortesía entre os socios. O BNG lanzouse a visitar e a anunciar obras que deixara preparadas o goberno socialista, e así o sinala nas notas informativas, que poden ter distintas lecturas. Dise que o traballo estaba empezado e á vez evidénciase a lenta xestión dos seus antecesores. As coalicións, como as parellas, para o bo e para o malo.

Asesores do bipartito

PSOE e BNG ultiman os seus equipos no Concello. O BNG abriu un proceso entre a militancia para fichar os seus cinco asesores. Os do PSOE son nove e a maioría repiten. A xornalista e consultora da Coruña María Val, que leva meses traballando coa alcaldesa, será a xefa de gabinete e dunha área de comunicación á que se suma a chantadina María Varela e que prevé contar con algún profesional máis.

Comentarios