Opinión

Frivolidade do mal

Leo un comentario de Monika Zgustova sobre unha exposición de Gerhard Richter onde di que o que máis inquedaba ao pintor era a indiferencia dos alemáns sobre o pasado nazi. Esta actitude segundo a columnista, foi denominada por Hannah Arendt como a «banalidade do mal». De onde procede esa actitude plácida desta tendencia xermana, é cousa de documentarse para construir primeiro unha soleira segura antes de emitir un xuízo, que debera ser máis doado no máis próximo caso que é o español. Non todo o mundo valora do mesmo xeito datos irrebatibles, relativos á orixe dun réxime que bateu marcas de permanencia no tempo. Naturalmente esa longa duración procede do medo inicial provocado por un estado de terror institucional, apoiado desde o primeiro momento polas forzas dereitistas. Os monárquicos, a Igrexa, mesmo sectores da pequena burguesía e partes humildes do campo, son os alicerces do franquismo. Xurdiu a delación e a venganza, os resentimentos e a envexa.

Einstein escrebeu aquilo de que «para ser un membro inmaculado dun rebaño de ovellas, cómpre primeiramente ser unha ovella»

A nós o que nos abraia son os anos que seguiron e a dureza do réxime, mesmo nos finais e tamén cando tivo que aceptar condicións como o plan de estabilización. No fondo o propio dictador, unha persoa escasamente dotada intelectualmente, desconfiada e raposeira, deixou facer e axudarse dunha serie de cadros intermedios de carácter venal, que conseguiron artellar grandes escándalos e mesmo macroxuizos derivadoss das liortas e ambicións entre as faccións do rexime. Pero sobre a témera represión, sobre a falla de libertades, sobre determinadas obrigas simbólicas moitas pero todas noxentas, ninguén chiaba. Algúns tiñan visitado outros países de Europa, outros até foran aos Estados Unidos e uns poucos na súa mocidade contribuiran a atizar o lume na pira de libros. Pero xa asentado o sátrapa no cumio do poder, dedicáronse con normalidade e tranquilidade ás propias tarefas e afeizóns. Claro que con todo foi Einstein quen escrebeu aquilo de que «para ser un membro inmaculado dun rebaño de ovellas, cómpre primeiramente ser unha ovella». Pero tanto lles tiña aos seareiros: as beatas seguían repartindo estampiñas e eles en sociedades venatorias no canto das de excombatentes, que mesmo algúns modernos xulgaban como murchas lembrnzas nostalxicas. É certo que había veciños a quen lle mataran a un avó ou un curmán, pero o liderado da superficial clase emerxente tíñaos como restos da guerra ensumidos no seu propio odio, do que sempre quedaban remois..

Carlos Castilla del Pino, o sonado autor de ‘El humanismo imposible’ que liamos con fruición na dictadura, ten escrito nun artículo que a corrupción era tan concordante co franquismo como o é o rail para o tren. A crítica para correxir a corrupción é imposible nunha dictadura, mesmo para o proprio dictador quen en derradeira instancia «ha de sosterse polos seus partidarios, neste caso cómplices». A inmoralidade e a corruptela foise espallando e incrustando na sociedade até se confundir coas formas e hábitos propios da boa educación, e de aí derivan algunhas actitudes comprensivas cara fenómenos tan inexplicables como a falsificación de títulos académicos, e as corrupcións de caricatura na estela de aquela de Castelao onde o cacique pregúntalle a un paisano que o agasallla cun xamón, se o porco era coxo.

Comentarios