"A boa xestión do grupo non depende da cifra de alumnos senón da súa heteroxeneidade"

Rodríguez: "A formación dos profesores de secundaria é escasa en destrezas didácticas"

Ninguén como un mestre de mestres para avaliar a mellora do ensino en Galicia reflectida no último informe Pisa, publicado recentemente ► Francisco Rodríguez Lestegás, decano da facultade de Formación do Profesorado, aposta pola formación continua dos docentes como peza clave para alcanzar un ensino de calidade.
Francisco Rodríguez Lestegás
photo_camera Francisco Rodríguez Lestegás

FOI MESTRE con só 17 anos pero nunca pisou unha escola. Francisco Rodríguez Lestegás, decano da facultade de Formación do Profesorado, converteuse no que sempre desexou ser: mestre de mestres na antiga escola de Maxisterio, onde leva 42 anos. 

Como fixo para ser mestre tan novo?
Entrei en Maxisterio en 1966, na última promoción do plan de 1950, no que os homes estabamos separados das mulleres nas aulas. Daquela era así, a de mestre non era unha carreira e con 17 anos podías titular pero nunca cheguei a exercer como tal nunha escola.

Era esa a súa vocación?
Non, a miña vocación era ensinar en Maxisterio. Nunca pensei que chegaría a ser catedrático e decano, pero así foi e, ao longo da vida, contribuín a formar mestres máis que a exercer como tal.

É máis difícil ensinarlle aos futuros metres que aos rapaces?
Ensinar sempre é difícil pero eu diría que canto máis baixo é o nivel, máis complicado é.

"Os pais convértense en cómplices dos fillos e opóñense ás mensaxes dos institutos"

En cambio, din que nos primeiros anos é máis doado asimilar.
Si, iso é certo, pero o que o fai difícil é lograr as axudas e as orientacións necesarias para que o alumno aprenda o mellor posible e desenvolva as súas capacidades. De todos os xeitos, os principais niveis de dificultade no ensino danse na Educación Secundaria.

E na universidade?
Os novos plans de estudos esixen máis esforzo por parte dos profesores ca antes. Polo tanto, a formación está a ser mellor agora. Os novos títulos son superiores aos anteriores. Hai unha maior preocupación pola calidade da educación na universidade, mesmo redáctanse informes de seguimento.

Que pasa, logo, na Secundaria?
A Secundaria é un tramo complicado que coincide coa escolaridade obrigatoria nunhas idades nas que non todos os alumnos queren aprender. O éxito dependerá de catro factores que son: o alumno, as familias, a utilidade do que se aprende e o profesorado.

En que medida conta cada un deles?
O alumno é o responsable último da súa aprendizaxe e quen non quere aprender, non aprende de ningunha maneira.

E as familias?
As familias son o primeiro contorno no que se moven os alumnos e a súa misión é facerlle ver aos rapaces que teñen que aprender. Non obstante, ás veces, os pais convértense en cómplices dos fillos e opóñense ás mensaxes que reciben nos institutos. Por exemplo, nos centros non se lles deixa aos menores de 16 anos saír do recinto e, en cambio, os pais déixanlles a estes mesmos rapaces saír de noite ata as tantas! Todo isto leva a que moitas veces se dean nas aulas problemáticas de traballo social que teñen que resolver os docentes. Isto agrávase porque hai unha deficiencia dos protocolos a seguir en certos temas como, por exemplo, o absentismo escolar.

"Necesitaríase unha boa formación continua dos docentes na que se valoren máis as competencias cós contidos"

Que diría sobre a utilidade das materias de aprendizaxe?
Hai distintas motivacións á hora de estudar: podes facelo só para aprobar, para sacar unha cualificación que che permita optar a determinados estudios ou por curiosidade intelectual. Os que estudan só para aprobar, esquecen rápido o aprendido; os que o fan por sacar nota, igual. Só aprenden os que teñen curiosidade e só aí terá éxito o ensino.

E cal é o papel do profesorado?
Fundamental porque a calidade da educación dos alumnos nunca será mellor cá do profesorado. Está claro que na escola necesítanse recursos, a colaboración das familias, un bo deseño do currículo pero tamén profesorado de calidade. 

E témolo, a raíz do resultado do último informe Pisa, que sitúa a Galicia no terceiro posto de España e por riba da media mundial?
O resultado deste último informe Pisa foi un éxito, pero entre comiñas, que o fan depender da calidade do profesorado. De todos os xeitos, o profesorado é, de todos os factores relacionados co éxito educativo, o que mellor desempeña as súas responsabilidades nun escenario, ademais, de pouca consideración tanto por parte da Administración educativa como por parte dos pais e da sociedade. Non ocorre así en Finlandia, onde a de mestre é a profesión máis valorada socialmente que economicamente. 

De todos os xeitos, non pensa que a formación didáctica e pedagóxica dun ensinante de Secundaria pode ser bastante escasa en comparación coa dun mestre de Primaria?
Por suposto, un mestre de Educación Infantil e Primaria estuda un grao de catro anos para aprender a ser mestre. En Secundaria, a titulación que dá acceso ao ensino é un máster dun ano e os profesores estudaron unha carreira para ter uns coñecementos académicos pero non para ser docentes. A maioría deles pensa tamén que o máster non lles vai aportar nada, polo que a motivación é escasa. Non obstante, co tempo, empezan a decatarse de que, para se profesor, os coñecementos válenlle para pouco e, en cambio, necesitan competencias profesionais para exercer como docentes. E danse conta de que lles faltan nocións de didáctica, métodos de aprendizaxe e psicoloxía. Polo tanto, os profesores de Secundaria teñen unha formación bastante incompleta na que hai unha parte académica excesiva e unha escasez de destrezas didácticas. 

Como melloraría esta formación?
Necesitaríase un bo deseño de formación continua, no que se valoren máis as competencias que deban alcanzar os alumnos cós contidos e que lles permita xestionar a diversidade na aula.

Comentarios