Francisco Mon: "Non vemos máis que oídos xordos ás demandas veciñais"

Con case 53 anos –cúmpreos o sábado— Mon volve liderar a lista do PSOE á alcaldía de Cervo, coa que confía en sacar o municipio da parálise na que di o ten o PP

Francisco Mon. AMA
photo_camera Francisco Mon. AMA

Máis que apostar pola marea vermella para aupalo á alcaldía, Francisco Mon cre que será "unha defraudada" marea azul a que desaloxará ao goberno do PP tras 19 anos. 

Ten claro que o goberno popular merece un suspenso? 

Si, é un goberno sen ideas, que non ten un proxecto claro e definido para o concello e despois de case dúas décadas non sabemos onde quere ir e agora está apurando con obras que son parches; estamos a ver como nos orzamentos as partidas en temas concretos non se executan nin ao 50 por cento e o resto vai para un caixón de xastre, precisamente para pagar esa improvisación. 

Concréteme algo máis. 

Nos últimos seis meses, anunciáronse obras de 2,5 millóns que leva demandado o noso grupo municipal dende hai máis de oito anos, e tiveron tempo para executalas, pero fano agora para sacarlle o máximo rendemento electoral.

Estase a referir a estrada entre Galdín e San Cibrao. 

A esa e a outras, como pode ser en Cervo a Rúa da Aldea o da Fonte de San Roque, a Praza do Souto, a rúa Concepción Arenal en San Cibrao, que levamos infinidade de veces ao pleno, e é que estamos a ver como se fan oídos xordos ás demandas veciñais.

Que leva no seu programa? 

Sen demora, temos que intentar frear a despoboación para o que hai que facer que Cervo resulte atractivo para residir, con axudas para quen alugue e quen arrende. Tamén propoñemos un plan de inserción laboral para un colectivo que nos preocupa moito, como é o das mulleres maiores de 45 anos e apostamos por un plan de emprego que lles permite reciclarse e con axudas para as empresas que contraten, ademais de apostar por un plan integral de turismo, para consolidarnos como destino máis alá do de sol e praia. 

Cre que lles pasará factura o tema de Alcoa? 

Por falta de tempo o Goberno socialista non se pudo poñer mans á obra, pero os pasos están dados para sacar adiante unha solución non a curto prazo, senón unha que nos saque desta incertidume.

Comentarios