Francisco Javier García, coñecido por todos por ‘Cupeiro’, imparte clases de linguaxe musical e de instrumentos a máis de 130 alumnos de Castro de Rei, Guitiriz, Meira e Rábade, ademais de dirixir a banda municipal meirega e o grupo de gaitas Os Valuros
POlifacético , ésta é a mellor palabra para definir a Francisco Javier García Canto, que dende os cinco anos vive pola música convertendo a súa afección no pan de cada día. Estudou durante 14 anos a carreira de músico, con moito esforzo diario, e especializouse no saxofón, unha das súas paixóns xunto coa gaita e a docencia, a cal imparte en diferentes lugares da comarca chairega a alumnos de idades comprendidas entre os seis e os 87 anos dalgúns dos integrantes da Uned Sénior.
Como comezou no eido musical?
Comecei con cinco anos en Castro de Rei, acabei o grao medio en Vilalba, rematei a carreira no Conservatorio Superior Estatal da Coruña hai catro anos na especialidade de saxofón e para completar a miña formación fixen varios cursos de dirección de banda e de gaita. Metinme na música grazas a meus pais que me conduciron por este camiño. Eles sempre estiveron aí animándome.
Algún familiar seu mergullouno na música?
Meu avó. El era músico e tocaba a gaita na banda de Bazar e, curiosamente, cambiou a gaita por unha cana de pescar mellor para poder traer comida á casa.