Vilalba e Foz terán wifi gratis en espazos públicos grazas a unha axuda da UE

Atópanse entre os 20 municipios galegos beneficiados por unha subvención europea para a instalación de conexións de rede de alta velocidade

Feria mensual de Vilalba en la Praza da Constitución. EP
photo_camera Feria mensual de Vilalba en la Praza da Constitución. EP

A Unión Europea seleccionou unha vintena de municipios galegos para a instalación de Wifi gratuíta de alta velocidade en espazos públicos.

Os municipios lucenses que resultaron seleccionados son Foz e Vilalba. Abegondo, A Baña, Ordes, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, San Sadurniño, Valdoviño, Vedra e Vimianzo foron os elixidos na provincia da Coruña.

Na provincia pontevedresa os seleccionados foron Marín, O Grove, Sanxenxo, Tomiño e Vigo mentres que na de Ourense foron Maside, Parada de Sil e Ribadavia.

En total a UE seleccionou 510 municipios españois e 3.400 de toda Europa, das 10.000 solicitudes presentadas, que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar as instalacións das conexións de rede de alta velocidade, mínimo 30 megas, en espazos públicos.

Os concellos dispoñen agora dun prazo de máximo de 18 meses para definir o proxecto de instalación e seleccionar os espazos municipais, prazas, parques, centros culturais e demais lugares onde se vai instalar este servizo.

Esta iniciativa enmárcase no programa Wifi4EU cuxa finalidade é crear miles de puntos de acceso de wifi gratuítos nos espazos públicos das comunidades locais en toda Europa para 2020.

Para este obxectivo destínanse 120 millóns de euros.

Comentarios