Opinión

Fotos en movemento

CONCLÚE ESTE ano multielectoral de cinco citas en doce comunidades (en Galicia unha menos) coa presidencia española en funcións. Pero a pesar da reincidencia nas urnas quizais hai dúas fotos que representan 2019 máis que unha votación, o banquiño do procés e o abrazo dos líderes socialista e podemita logo da desconfianza mutua, epílogo aos últimos comicios. Lonxe de ser imaxes fixas, expositivas para a contemplación, trátase de actuacións en movemento que continuarán no 2020, primeiro para formar un Goberno e logo porque Cataluña non se agota por máis que leve como protagonista case unha década, ou máis se nos retrotraemos á aprobación do estatuto fallido de 2006. Asuntos graves pendentes de solventar, un executivo estable aínda que só sexa para media lexislatura e a recondución dunha comunidade desafecta co Estado. Complexo, máis unha que o outro, cun amplo reparto de actores que poden prolongar as fotos todo un ano.

Comentarios