Opinión

As formas distinguen ás persoas

O pasado 26 de maio celebráronse unhas eleccións nas que os veciños e veciñas de Viveiro escolleron ás persoas que integramos a corporación municipal durante os vindeiros catro anos; un conxunto de dezasete concelleiros que, dende o primeiro ao último, merecen igual respecto. Considero que esta é unha premisa básica, esencial e evidente, aínda que, segundo parece, non compartida por todos.

O Partido Solicialista foi a forza máis votada, revalindando unha vez máis a confianza dos veciños; dende o equipo de goberno entendemos o papel da oposición, que debe exercer unha labor fiscalizadora. Comprendemos, tamén, que poida discrepar das nosas decisións, que non comparta as nosas prioridades ou que non entenda moitas cousas, por que moitas veces a realidade dende fóra vese diferente. Ademais, asumimos e respectamos as críticas das partidos da oposición, pois eles tamén representan a unha parte dos veciños e veciñas.

O que non entendemos é que se menosprecie a ningún concelleiro nin que se empregue un ton burlesco para dirixirse a ningún membro deste equipo de goberno, como vén de acontecer coa miña persoa. Estes días fun obxecto dunha crítica dura e especialmente ferinte por parte do voceiro do Partido Popular, que nun exercicio de auténtico menosprezo non tivo reparo algún en manipular e ocultar información. 

Eu asumo a responsabilidade dos meus actos e recoñezo que, como todos, poido cometer erros, pero o que non vou a permitir é que se minta. O candidato do PP difundiu a través dos medios de comunicación un escrito no que me culpa de todos os males que hai en Viveiro. 

Non adoito entrar a criticar nin a contestar a ningún partido político por que creo que, evidentemente, debemos estar por encima de todo iso e traballar por e para Viveiro. Pero hai ocasións, como esta, na que o ton empregado e a falta de respecto obrigan a respostar publicamente. Segundo o candidato do PP son a peor persoa que pode ter Viveiro. Eu quero explicar a realidade de cada un dos asuntos que el trata, por que creo que os veciños deben coñecer a verdade, merecen que eu fale publicamente para dar explicacións destas acusacións.

Cita o arranxo do barrio de Xunqueira, utilizando unha catástrofe para criticar unha xestión que dende o primeiro momento foi consensuada con todos os voceiros do anterior mandato; o único que cambiou neste tempo foi a actitude da Xunta de Galicia. Inicialmente enviáronnos un informe con tres opcións sin ningún tipo de financiación económica, sin explicar canto ía aportar a Xunta. Os voceiros decidimos contestar indicando que non somos técnicos para decidirnos por unha das tres propostas nin podemos facelo sin saber cales son as achegas económicas desa administración. E máis, non se falou das achegas da Xunta de Galicia ata que, en campaña electoral, o candidato do PP anunciou esta inversión amosando aos veciños de Xunqueira unha mensaxe da Conselleira na que afirmaba que a Xunta de Galicia achegaría un terzo do importe, cando a este equipo de goberno -que continuaba exercendo o goberno municipal- nada se lle comunicou. Considerando que é unha vergonza que o PP utilice a Xunta de todos os galegos e galegas para facer campaña electoralista, só cabe engadir que nós continuamos traballando na mesma liña: involucrando a todos os partidos políticos nun tema especialmente importante, escoitando aos veciños e buscando o consenso. Quero que quede claro que tanto o Concello como a Deputación de Lugo manifestaron dende o primeiro momento o seu compromiso de realizar os esforzos necesarios para arranxar o barrio, sendo evidente que é unha actuación moi costosa que este concello non pode asumir por si soa.

Sobre o emisario din explicacións publicamente en reiteradas ocasións, remitinlles información tanto ao Delelegado da Xunta en Lugo como á Conselleira e puxen os expedientes a disposición dos veciños para que, calquera interesado, poida comprobar persoalmente os prazos e trámites realizados. Aquí hai unha única realidade, en 2016 asinouse un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Viveiro para unha serie de actuacións que se atopan, aínda, pendentes de execución. 

Na tramitación dese expediente produciuse unha demora de un ano, que foi o tempo que Augas de Galicia tardou en contestar un requirimento de Costas. As hemerotecas están aí para ser consultadas e calquera pode comprobar que non minto cando afirmo que ao longo dese tempo houbo denuncias públicas, que fun a Santiago para reunirme en varias ocasións sobre este asunto e que mesmo pedín axuda ao deputado Jaime de Olano para que nos botase un man neste tema. Coa plataforma veciñal creada este verán espabilaron en canto á tramitación e viñeron a falar con eles; pero, en todo caso, o que demandaba a plataforma xa fora reivindicado por este concello en diversas ocasións. 

Fala no escrito, tamén, da residencia de Aspanane acusándome de lixeireza ao tratar deste asunto e non llo permito, por que é unha proxecto tremendamente importante e do que me sinto especialmente orgullosa, no que nos implicamos todos os voceiros da corporación anterior ata conseguir chegar a un acordo. Un proxecto no que traballamos durante moito tempo e no que tivemos que agardar durante un ano para que o Delegado da Xunta de Galicia se decidise, ata que finalmente se comprometou, pero non sen antes amenazar dicindo que a Escola Oficial de Idiomas era comarcal e que podía levarse a outro municipio; agora o acordo existe e só falta poder facer efectiva a cesión do inmoble por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Sei que pasaron sete meses e non vou a entrar a valorar se é moito ou pouco tempo tendo en conta as circunstancias; só lle pregunto ao voceiro do PP: se sete meses lle parecen moito tempo, que ten que dicir con respecto aos dous anos que este concello agardou para que Augas de Galicia e Patrimonio emitisen os seus informes ao PXOM, cuestión que se tratou na última comisión celebrada sobre este asunto na que vostede quedou caladiño.

Debo dicir, finalmente, que este concello non se está endebedando, todo o contrario. Dende que eu son alcaldesa a débeda reduciuse en catro millóns de euros; é unha realidade que pode comprobarse. Con respecto á agrupación de préstamos e aumento de carencia solicitada no mes de outubro, á que se fai referencia, quero aclarar que é unha medida de obrigado cumprimento para os concellos, tal e como explicaron os técnicos municipais, do mesmo xeito que de obrigado cumprimento era o plan impulsado no seu momento polo goberno presidido por Mariano Rajoy e ao que este concello tamén se tivo que adherir. Cando se informa aos veciños hai que dicir a verdade e vostede olvidou un detalle especialmente importante.

Unha xa está cansada de acusacións infundadas e mentiras que intentan confundir aos veciños. Teño a documentación que corrobora as miñas palabras e continuarei, polo tanto, dedicando os meus esforzos a traballar en beneficio de todos os veciños e veciñas de Viveiro. Podería contestar ao voceiro do PP nos mesmos termos nos que el me escribiu a min, pero creo que as formas distinguen ás persoas.

Comentarios