"Formar parte dun equipo de goberno permíteche coñecer novas realidades"

Alfredo Fernández foi o último concelleiro en entrar no goberno local de Cervo e fíxoo para ocuparse dun área nova, a de réxime interno e patrimonio

Alfredo
photo_camera Alfredo Fernández, diante do consistorio de Cervo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A súa vida está vinculada á política e ao Partido Popular dende practicamente sempre. Vencellado a diversos colectivos culturais e deportivos, Alfredo Fernández (Holanda, 1972) chegou á Corporación de Cervo en xaneiro do ano pasado para facerse cargo da concellaría de réxime interior e de patrimonio nun momento clave no que o equipo de goberno mantén unha forte aposta pola posta en valor do conxunto histórico de Sargadelos.

Chegou ao goberno facéndose cargo dunha concellaría nova e cun peso determinante neste momento na política local.
O alcalde quería potenciar todo o vinculado co patrimonio e a min pareceume interesante porque me permite aprender de moitos temas e coñecer boa parte do concello. A posta en valor de Sargadelos é unha das apostas máis importantes do equipo de goberno neste ámbito, pero tampouco deixamos de lado outras como a posta en valor do castro da Atalaia, en San Cibrao do que imos recuperar o material que se poda ou a colaboración con proxectos que sirvan para recuperar o patrimonio inmaterial, como o traballo que fixo Paco Piñeiro polo centenario das escolas vellas de Cervo.

Din que a política que lle gusta é a da rúa.
Si, a min gústame estar en contacto con moita xente e ese contacto directo é a parte que máis me agrada da actividade política. Sempre estiven enredado en directivas, por exemplo no equipo de balonmán de Burela e no de Viveiro, en grupos folclóricos ou en asociacións culturais, como Amigos da Maruxaina. Disfruto relacionándome con xente e procurando axudarlle naquilo que podo.

"Gústame estar en contacto con  moita xente e esa política de rúa é a que máis disfruto"

O seu vencello coa política vén de vello.
Dende os 18 anos xa estiven involucrado co partido e fun nas listas electorais. Sempre formei parte das candidaturas do PP, pero sempre ía da metade para abaixo da lista porque me resultaría moi dificil compatibilizar o meu traballo co de concelleiro se chegaba a saír elixido. Agora a miña situación laboral cambiou e resúltame máis sinxelo, aínda que contando claro coa necesaria axuda da muller e dos fillos.

Sendo tan novo, por que se decidiu a entrar en política?
É defecto do animal. Meus pais son de San Cibrao, emigraron a Holanda e sempre falaban moito daquí e cando voltaron meu pai meteuse na asociación de veciños e miña nai tamén formou unha candidatura independente. Na casa sempre vin reunións de todo tipo e chamábanme moito a atención, polo que en canto puiden xa me fun metendo en cousas. A verdade é que me gusta involucrarme en proxectos e ser partícipe deles. Non me gusta quedarme na crítica senón que se hai que facer unha cousa pois hai que traballar e loitar por ela.

Como está sendo a experiencia de formar parte dun equipo de goberno?
É máis ou menos como me esperaba. O PP en Cervo sempre foi un equipo, polo que me resulta sinxelo traballar con eles, ao mellor porque no meu traballo tamén teño que traballar en equipo e teño experiencia niso. Todos os concelleiros somos partícipes de todo e colaboramos todos entre nós. Reunímonos moi a miúdo e estamos en contacto diario. Estar nun goberno tamén che permite estar en contacto con temas moi diferentes e con realidades que desecoñecías e iso sempre te enriquece e resulta moi interesante.

A relación no goberno é boa, e coa oposición?
Moi ben tamén. Sempre me levei moi ben con todo tipo de xente, a ideoloxía non ten nada que ver. Por exemplo, co novo concelleiro do BNG traballei e somos amigos persoais e o portavoz do PSOE é parente meu. No pleno discútense os temas que haxa que discutir e a partir de aí as relacións persoais son outra cousa.

E co alcalde?
Con Alfonso lévome moi ben. Empezamos xuntos nisto da política e coincidimos moito por estes temas e agora estamos xuntos no Concello. Temos amizade no persoal e como líder véxoo ben, intenta facer equipo e mantén unha comunicación constante con todos os concelleiros.

Cos seus antecedentes, volverá a estar na lista de 2019?.
Si o alcalde me quere no seu equipo eu estou á súa disposición. É el o que ten que valorar o traballo  que estou levando a cabo.

"Este equipo ten proxectos ilusionantes que son moi bos para o pobo aínda pendentes"

Cambioulle o estilo de vida entrar na corporación?
Levar unha concellaría leva moito tempo, aínda que é un traballo agradecido. Se tés familia é importante consultalo con ela, porque precisas do seu apoio. Eu faleino coa miña muller, que me axuda porque sabía que me facía ilusión este proxecto.

E na relación cos veciños?
Non, porque como fun tanto tempo nas listas antes achegabanse e dicíanme a ver si podía facer calquera cousa, o único que agora me din tes que facer esto ou o outro. 

É agradecido hoxe en día estar en política?
Na actualidade igual non está moi ben vista, pero é o sistema no que estamos. Se pensas nas críticas ou no que dirán, entón xa non fas nada, pero iso tamén se dá a nivel persoal da vida en xeral.

Recomendaríalle á xente entrar na política?
Si non estás conforme con algo ou queres levar a cabo algún proxecto hai que involucrarse e a política é un xeito de facelo.

Ve ao alcalde como candidato outra vez nas vindeiras eleccións?
É un candidato moi válido e que tira moito polo concello. Empezou moi novo e agora xa ten algo de recorrido. Véxoo forte e con ganas.

Aínda ten traballo por diante?
Hai proxectos ilusionantes que son bos para o pobo, aínda pendentes.

Comentarios