A Fonsagrada loa o legado de xustiza de David Álvarez

Familiares, veciños e amigos rendéronlle unha homenaxe en San Martín de Suarna ao histórico comunista, finado hai medio ano
Un momento da homenaxe a David Álvarez
photo_camera Un momento da homenaxe a David Álvarez

"Amou a xustiza e fixo o ben". Así resumiron onte a familia, veciños e amigos do fonsagradino David Álvarez Carballido o legado deste destacado loitador contra a ditadura, finado hai medio ano. Reuníronse para renderlle a este histórico comunista unha emotiva homenaxe póstuma.

Este acto tivo lugar a media mañá no cemiterio de San Martín de Suarna, onde descansan os seus restos tralo seu pasamento o pasado febreiro, aos 94 anos. No transcurso da homenaxe, colocouse na súa tumba unha placa con referencias a ese amor pola xustiza e á súa condición de "republicano, loitador polos dereitos democráticos e comunista".

Sumáronse a este recoñecemento os seus familiares -de forma presencial, os que viven preto, e tamén por carta ou vídeo, os que emigraron-; os veciños de San Martín de Suarna, onde era moi querido; os camaradas do Partido Comunista, cuxas ideas sempre defendeu, e membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), cos que colaborou para rescatar do esquecemento o Batallón Galicia.

Trala colocación da placa, moitos deles tomaron a palabra para enxalzar a figura de David Álvarez e recordar varios episodios dunha traxectoria vital marcada polo altruísmo e a humildade.

Neses discursos recordouse como este home, nado en 1922, emigrou a Arxentina para fuxir da ditadura franquista. Alí tomou contacto cos exiliados republicanos e afiliouse ao Partido Comunista, mantendo unha intensa actividade de loita contra a inxustiza que en Bos Aires xa o levou ata tres veces ao cárcere.

Ao retornar en 1962, logo de participar na constitución de células comunistas en Galicia e en varias protestas, sufriu en primeira persoa a represión franquista, pasando no cárcere 18 meses nos que non se librou das torturas infrinxidas aos presos políticos. Cando saíu empezou a traballar de reloxeiro, un oficio que lle aprendera o seu tío. Fíxoo en Lugo e despois na Coruña e cando se xubilou regresou a A Fonsagrada.

Os asistentes a este acto desprazáronse despois ao cemiterio da Fonsagrada, onde a ARMH impulsou unha nova homenaxe aos membros do Batallón Galicia, cuxos restos descansan alí. A presidenta do colectivo, Carmen García Rodeja, lembrou que foi Álvarez quen alertou, precisamente, de onde estaban os corpos destes anarquistas asasinados no Acevo, e loitou por que se lles dese un enterramento digno.

Comentarios