"Fiz Vergara é un autor por descubrir, a súa é a poesía máis sincera da lírica galega"

O profesor e filólogo galego Yago Rodríguez Yáñez acerca o lector ao poeta de Lóuzara Fiz Vergara coa antaloxía Non deixes que a tardiña me sorprenda. O libro, que se presentará en novembro  en Sarria, fai un percorrido pola biografía e a obras deste "clásico" da literatura galega
Yago Rodríguez. AEP
photo_camera Yago Rodríguez. AEP

O AUTOR Yago Rodríguez Yáñez, quen é profesor e filológo, publica un novo traballo sobre o poeta de Lóuzara (Samos) Fiz Vergara Vilariño. Despois de ‘A peito descuberto. Análise e edición da obra poética de Fiz Vergara Vilariño’ ve a luz ‘Non deixes que a tardiña me sorprenda’, unha antoloxía que acaba de ser publicada pola editorial Galaxia.

Presenta un novo libro sobre Fiz Vergara Vilariño,recolle toda a poesía do autor samanense?

É unha antoloxía, unha selección. A obra poética completa aparecera no anterior, en ‘A peito descuberto’, que publicou a asociación Xermolos no ano 2012. Daquela puido saír grazas a Xermolos e a Alfonso Blanco Torrado.

Na obra fai unha análise da traxectoria do poeta?

Hai un estudo introdutorio explícanse as súas circunstancias vitais. El fai unha poesía panteísta, intimista, de carácter existencial e fondamente comprometida. É unha linguaxe inclasificable, fai uso do ‘louzariño’. Coa súa poesía fai que recoñezamos realidades da natureza na que non nos fixariamos. Por exemplo, o poema ‘Sapo’, el considerabase un sapo, un afastado da propia existenza, vital e xeograficamente, con problemas para falar e camiñar, aínda que Manuel María dicía que falaba con el por teléfono.

"No libro hai un percorrido biográfico e recolle unhas composicións imprescindibles de Fiz"

Que diferenzas hai entre a nova publicación sobre Fiz Vergara e a anterior?

Esta obra é unha análise máis concreta. Hai un percorrido biográfico, estudos, enfermidade e amizades, como o xa dito Manuel María, Alfonso Montero e Antón Tovar. Eles son vértebras fundamentais na súa obra, son referentes esenciais da súa poesía. Recóllense unhas composicións imprescindibles. Hai poemas de todos os libros importantes, agás os dous primeiros, que son libros iniciáticos. E tamén se inclúen composicións que non están en poemarios. Son 122 poemas e o libro ten 303 páxinas, mentres que o volume anterior tiña case 1.000 páxinas. Quero dar as grazas ás persoas que se implicaron, Alfonso Blanco, Eduardo Rey e a familia de Fiz Vergara. Sempre me axudaron e sinto que a súa irmá Irene non o puidera ver. A ela dedícolle o libro, é a que máis sabía da poesía de Fiz, mecanografiaba, pasaba a limpo, recitaba… É a verdadeira albacea da obra de Fiz. A ela lle dedico o libro para agradecerlle a súa implicación.

Ten algunha obra predilecta do poeta samanense?

É complicado elixir. Este libro leva o título de ‘Non deixes que a tardiña me sorprenda’, que é o primeiro verso dun soneto do libro ‘Nos eidos da bremanza’. É unha publicación moi coñecida e marabillosa. Seleccionámolo porque é un verso moi acaído para titular este libro, é un poema moi sentido.

Nalgunha publicación dixo que Fiz Vergara é un poeta por descubrir, por que?

Si. Hoxe lese pouco, de maneira rápida, a través de pantallas, carecemos de tempo, vivimos na galaxia da incomunicación. E a literatura non é coñecida o que debía ser e falta un autor, un clásico, Fiz Vergara, polo intimismo, a linguaxe. É a poesía máis sincera da lírica galega. É un autor fascinante, chega o máis profundo do corazón, é emotivo. Para min é o poeta máis trascendente. E coidamos moi mal o noso. El non acudiu á universidade, abandonou as aulas, pero nunca abandonou os estudos. Nunca chegou a integrarse nos círculos literarios, aínda que tiña amizade con poetas, como dos que falamos, Manuel María, Alfonso Montero e Antón Tovar. Non puido participar en círculos literarios e actos, non chegou a disfrutar en toda a súa plenitude pola enfermidade e o contexto xeográfico no que viviu, con nevadas de semanas. Aínda así o seu pai o levaba a librerías de Lugo no todoterreo. Hai que entender o contexto xeográfico e vital do poeta. Se lle desen publicidade a obra de Fiz... Non sempre figuran aqueles que realmente o merecen, el o merece e é unha mágoa que non se coñeza todo o que debería.

Algúns dos seus libros están descatalogados?

Algúns libros poden conseguirse, quedan nalgunha libraría. Outros son moi díficiles de atopar. Tivo dificultades para publicar e é inexplicable, son criterios de edición. Non chegou a entrar no circuito comercial.

Presentará a nova obra en Sarria?

Será o 14 de novembro na casa da cultura.

Que novos proxectos ten?

Traballo nunha recolección dos relatos e contos que escribiu, na compaña dun estudo introdutorio. Agardo que sexa publicado en breve. Practicamente está rematado. El tamén practicou prosa, tiña un debate, verso ou prosa, fixo os dous, pero tamén teatro. Fixo prosa nos xornais e tamén gañou moitos premios literarios, de carácter periodístico, relatos e poesía. Era habitual dos premios de Meigas e Trasgos e do Belén de Begonte.

Comentarios