O fío que une as tecedeiras da provincia

O proxecto ‘Tecer para crer’, do Centrad, puxo en contacto a Míriam Fernández, das poucas artesás profesionais de tear de baixo lizo en Lugo, coas mulleres que a precederon neste oficio
Julia Fernández. EP
photo_camera Julia Fernández. EP

"Cando Julia se sentou no tear, iluminouse". Iluminarse é a forma máis acaída de nomear a memoria do corpo, a súa pericia ao camiñar por unha terra que coñece ben. Os dedos nos fíos, a man á lanzadeira, os pés nas premedeiras. Aínda que non fose o seu tear, aínda que levase corenta anos sen urdir, cando o viu alí, diante da súa casa na Fonsagrada, de súpeto foi como axustarse a un paso de baile. 

Ese tear que viaxou á porta da casa de Julia Fernández na Fonsagrada é de Míriam Fernández, das poucas tecelás ou tecedeiras que vive actualmente do oficio na provincia. A viaxe enmarcouse no proxecto ‘Tecer para crer’, coordinado por Francisca López no Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo e que, alén de ser unha exposición que recolle na capela de Santa María as colchas e tapices dunha vintena de tecelás de Lugo, foi unha travesía que levou a Míriam co seu tear ao pé de cada unha das súas antecesoras, a xeito de testemuño e de recoñecemento.

Os excepcionais encontros que se deron entre elas —que non se coñecían— poderán verse na exposición co vídeo elaborado por Sabela Eiriz, onde tamén aparecen outras artesás relacionadas co fiado, como palilleiras, redeiras e fiandeiras. 

Entre todas, teceron unha ‘sarga’ da liño, que intercalaron con espiga, repaso vello e repaso novo. Sobre ela esténdense os nomes de Emérita, Eduvigis, Estrella, Manolita, Lucía, Leonor... ducias e ducias de nomes das tecedeiras das que se ten rexistro na provincia. E non están todas, pois como di Julia "cando eu era de 15 anos en cada aldea había unha". 

Unha vintena de tecelás teceron conxuntamente unha sarga de liño que loce os nomes de todas as que practicaron o oficio en Lugo

Estas artesás traballaban na casa e co gando, e pola noite ou nos días de inverno, de pouco proveito fóra, tecían. Por iso, cando a Julia Fernández lle preguntaron, no día da inauguración, que lembraba da colcha verde e rosa que hoxe pende da sala de exposicións, ela respondeu: "O frío"

No seu caso, o tear estaba no curral da casa. Ela, como tantas outras, teceu para a familia, e tamén por encarga, pero sempre dende a súa aldea de Estoupelo, na parroquia fonsagradina de Vilabol de Suarna. "Só marchei de aquí 15 días, e foi para aprender a tecer", conta. Tiña 26 anos, e aprendeulle súa irmá, Trinidad, que daquela xa vivía en Vilabol. 

DE FRÍO E COR. Desa luz especial da habelencia do corpo, pero tamén dese frío, está entretecido este oficio. Conviven, como tamén as cores vivas das colchas de farrapos desafiaron a escuridade da posguerra. "Cando saíron as tinguiduras industriais as tecedeiras fóronse ás máis chamativas. Chama a atención como estas colchas de cores tan vivas saíron, moitas delas, dos anos 50", explica Francisca López. 

Antes, elas mesmas facían as propias tinguiduras vexetais, como tamén o fío, ben do cultivo do liño ou dos animais. Julia Fernández tiña ovellas na casa, e o momento de sentarse no tear era como dirixir a orquestra despois de afinar moitos instrumentos: debandar as madeixas, pasalas polo argadelo, facer os nobelos, tinguir... e por fin, sentar. En tempos nos que non sempre se aprendía a ler ou escribir, había que utilizar o enxeño: "Marcabamos as urdideiras con couselos, esas folliñas redondas que crecen nos muros, para contar as varas que ían urdidas", conta.

No caso de Julia, o tear esmoreceu precisamente cando deixaron de ter animais. Noutros lugares, as mulleres mudaron o fío de liño ou lá polo de algodón, xa dispoñible nas tendas, nun xeito de alixeirar a carga de traballo que sobre elas pesaba, que non era pouca, segundo conta Míriam Fernández. Ela agora camiña cara atrás nos fíos do tempo, para darlle futuro ao oficio. 

Coa asociación á que pertence, a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, recuperou o cultivo do liño. Coa súa nai puxo en marcha a empresa de artesanía téxtil Fusaiola. Ela é historiadora da arte, pero a día de hoxe asómbrase da cantidade de cousas que aprendeu fóra da universidade. "É un dos puntos fortes de vivir no rural, que podes falar coa xente maior, e ti mesma probar co cultivo dalgunha planta para facer teceduras, por exemplo", comenta. 

Despois de dous meses pechada polo coronavirus, a exposición volverá abrir o 25 de xuño e até o 26 de xullo. Míriam volverá tecer alí, in situ, un cosido de nós, "un tecido que acostumaban facer os militares nalgún cuartel, que orixinalmente se facía con ‘sedón’, unha tea moi brillante", comenta. Tamén ensinarán alí o seu traballo María Xesús Alonso, redeira; Milagros Vázquez, palilleira, e Idoia Cuesta, cesteira. Coma quen dá nova danza aos fíos do mundo.

Comentarios