Opinión

Filisteísmo programado

Non acredito na teoría conspiranoica que culpa a Bill Gates e George Soros da pandemia. No canto de ver a súa filantropía na loita contra o virus, fabulan con que estes magnates promoveron unha vacina para nos implantar un chip e apropiárense das nosas vontades, a dominar así eles o mundo. Semella surrealista que haxa médicos ou persoas medianamente ilustradas que se adhiran a tan disparatado suposto, mais hainas.

Acredito, pola contra, no firme propósito do Capitalismo, no seu exacerbado formato neoliberal, de converter as xeracións novas, presentes e futuras, en auténticos filisteos. Non falo do pobo bíblico ao que pertencía Goliat, o xigante abatido polo pequeno David co seu tirafondas, aínda que esa sexa a procedencia da palabra, disque.

Os significados mudaron ou redefiníronse desde aquel xentilicio da antigüidade até os nosos tempos. Deixando á parte o uso que del fixo Lutero, próximo á orixe, os alemáns do século XVII usárono xa en sentido figurado para nomear aos inimigos do espírito dos goliardos, aqueles clérigos ambulantes que andaban polas tabernas a cantarlle ao viño, o amor, a boa mesa e o xogo de dados: os autores dos Carmina Burana. Máis tarde, filósofos, poetas e músicos recoñecidos denominaron así ás persoas carentes de sensibilidade e necesidades culturais, só consumidoras da chamada cultura de masas.

Aquí refírome ao sentido que lle dá ao termo, entre outros, a filósofa alemá Hannah Arendt (1906-1975) que o adoptou e revitalizou. Habería dous tipos de filisteísmo, o barbárico e o cultural. O primeiro, segundo a autora, é un estado do espírito que xulga todo en termos de utilidade inmediata, por iso non ten interese en obxectos nin disciplinas que teñan a ver coa arte directa ou indirectamente. O filisteísmo cultural interésase pola cultura, mais por razóns de prestixio e procura de poder. En Inglaterra chamáronlle snobismo.

Na Galiza, Vicente Risco soubo retratar maxistralmente os filisteos, burgueses ignorantes como aquel don Celidonio de O porco de pé, rico comerciante maragato, que pensaba que os libros servían para anotar contas e os xornais estaban destinados a outros usos escusados e traseiros.

Véxanse os currículos da ESO e o bacharelato para comprobar a alta estima que ten da cultura quen os impón. Boa parte das humanidades foron parar, no mellor dos casos, ao faiado das optativas.

Para que se precisa introducir un chip nos nosos cerebros? Abonda con converternos en filisteos ilustrados para que nos diluamos na vontade do Capitalismo e as súas promesas envelenadas.