O Festival de Cans apraza a súa celebración até setembro

A XVII edición do evento cinematográfico terá lugar entre o 2 e o 5 de setembro
Mascota do Festival de Cans. ADP
photo_camera Mascota do Festival de Cans. ADP

A celebración do Festival de Cans, prevista para finais de maio, foi aprazada até a primeira semana de setembro tras considerar a organización que a evolución da epidemia do coronavirus provocaba que fose "inviable" manter as datas fixadas inicialmente.  En concreto, a XVII edición do evento cinematográfico terá lugar entre o 2 e o 5 de setembro en Cans, no Porriño, segundo precisou a organización.

Así, aínda que en principio pensouse atrasar até Semana Santa a decisión do adiamento, a situación actual motivou que se tomase de modo "urxente" ante a falta de garantías do mantemento das condicións de seguridade necesarias para evitar contaxios nas instalacións.  Así mesmo, lembrouse que se precisan varias semanas para establecer os contidos do festival e adquirir os billetes dos invitados que viaxan á localidade desde distintos lugares da península e outros países.

Con todo, a restrición de mobilidade imposta entre varios Estados e o peche dalgúns espazos aéreos debido á crise sanitaria dificultaban a adopción destas decisións.  Mentres, continúase coa realización da selección de curtametraxes que participarán no certame, así como coa reordenación dalgúns contidos e a comunicación das novas datas a artistas xa contactados. 

Tamén se comezaron a reestruturar as contratacións do persoal "ao ser inviable" mantelas de modo continuado até setembro, ao que se suman as "perdas" que leva a cancelación de viaxes previstas para maio. Ademais, os organizadores do Festival de Cans trasladaron o adiamento da celebración do evento aos seus patrocinadores e colaboradores, entre os que se atopan algunhas institucións. 

Comentarios