Fernando Pico: "O primeiro detido por un incendio forestal sempre o levarei no recordo"

Este vilalbés acadou múltiples recoñecementos ao longo dos seus 43 anos de traxectoria, dende que ingresara no Cuerpo General de Policía. Dende 2018 exerceu como comisario xefe da Policía Autonómica e agora, logo de colgar a gorra, fai o seu balance

Fernando Pico, o día que se xubilou. EP
photo_camera Fernando Pico, o día que se xubilou. EP

O seu é vocacional, a mestura da serie Yo soy espía, que lle espertou o interese pola policía secreta, e a axuda dun dos seus veciños. O vilalbés Fernando Pico, de San Simón, vén de xogar a súa última partida no corpo policial como comisario xefe da Policía Autonómica, ao que se adicou durante os dous últimos anos, non sen antes pasar por Barcelona e polo Parlamento de Galicia como xefe de seguridade e vivir os primeiros pasos da unidade da Policía adscrita á comunidade galega. 

A súa xubilación comezouna co confinamento. Serviulle para aproveitar máis o tempo? 
Sempre desfrutei moito da familia, do traballo, dos amigos e a vida pasou tan axiña que a xubilación pilloume por sorpresa. Agora doume conta do agradable que é comer na casa, non ter que estar pendente do teléfono, do reloxo... Con dicir que levo lido máis libros dende que me xubilei que nos últimos seis ou sete anos. 

Tivo a ocasión de actuar durante a crise do coronavirus? 
Si, e con xornadas interminables. Era necesario impartir novas instrucións, métodos de traballo e ultimar os mecanismos de coordinación entre administracións e corpos de seguridade. A Autonómica, comigo á cabeza, púxose a disposición do Delegado do Goberno para facer fronte común. 

Que balance fai da traxectoria?
A nivel personal, moi satisfeito. Desfrutei moito da profesión que sempre quixen e pola que sinto un profundo respecto e os últimos anos na Policía Autonómica foron como un premio á miña traxectoria, aínda que non sen esforzo. 

En que mudou o xeito de traballar cando se pasou á Autonómica? 
Procediamos case todos de Madrid, País Vasco e Cataluña, de realizar funcións clásicas da Policía dentro dun ámbito urbano, e ao chegar a Galicia debiamos cambiar o asfalto polo monte, os ríos e as rías; os delitos contra o patrimonio por delitos medioambientais; de temas penais a denuncias administrativas... Pero penso que a capacidade de adaptación e as ganas daqueles primeiros 57 funcionarios foi fundamental para que hoxe a Autonómica conte con máis de 400 membros. 

A vida pasou tan axiña que a xubilación me pillou por sorpresa, pero xa levo lido máis libros que nos últimos seis ou sete anos

En 43 anos no corpo, garda algún recordo en especial na memoria? 
Recordo con moito cariño a primeira metade dos 80, cando un grupo de inspectores levamos a cabo grandes servizos polos que eramos felicitados con frecuencia. Foi unha etapa emocionante. A seguinte, a da unificación, foi un cambio completo e dela teño dous recordos imborrables: o desastre que día a día causaban as drogas na xente nova, cando non había quenda na que non atoparamos tres ou catro cadáveres vítimas da heroína, e a preparación de Barcelona para os Xogos Olímpicos. 

E na Policía Autonómica? 
O primeiro detido por un incendio forestal intencionado levareino sempre no recordo. 

Valorou a posibilidade de deixalo? 
Unha vez un bo amigo vilalbés insistiu para que fora traballar con el a unha empresa punteira, pero chocaba coas dúas liñas fixadas: ser Policía e regresar a Galicia. 

Cre que hai algún ámbito delictivo máis difícil de erradicar ca outros? 
Hai dous: os motivados polo beneficio económico e os derivados da miseria humana. Cando hai moitos cartos sempre hai unha multitude disposta a arriscar e os delitos que van contra as persoas sen sentido algún —maltrato a menores, aos nosos maiores ou no matrimonio— son rexidos por unha mente perturbada. Nos dous é precisa a axuda da sociedade. 

Existe a clave para frear a violencia machista e os incendios forestais? 
A máis importante arma é a educación e o rexeitamento social. No eido da violencia machista nótase a axuda da cidadanía, con moitas chamadas informativas e de denuncia, pero cos incendios estamos moi lonxe de ver esa colaboración. Eu aumentaría as charlas informativas e adoptaría medidas encamiñadas a que a muller teña independencia económica. 

No eido da violencia machista nótase a axuda da cidadanía, pero cos incendios estamos lonxe de ver esa colaboración

Os incendios coñéceos ben. Que os diferencia doutros delitos? 
O contorno aillado de testemuñas, accesos difíciles, a impunidade dalgúns sospeitosos, a complicidade dos veciños beneficiados polo lume, o cometer o delito a calquera hora... Todo isto é analizado xunto con determinar o lugar onde comezou, a quen pertencen as fincas que arderon ou cal e o beneficio logrado co incendio. Así ata crear un perfil do incendiario e logo comezan as vixiancias. É un traballo de moito tempo e paciencia, por iso pedimos a colaboración da cidadanía. A xente ten que pensar que o lume, unha vez que comeza, non depende da vontade de quen o puxo. Para todo elo, empréganse métodos científicos e técnicos e este ano estabamos barallando a utilización de drons. 

Cos casos complicados, ir a San Simón ou a Samarugo, de onde é a súa muller, axudaba? 
Sobre todo cando viñamos de Barcelona, iso si era cargar as pilas! Esa liberdade e o cariño dos meus pais criaron un xerme de felicidade en min que se mantivo ao longo da miña vida. Cando quero presumir digo: "Eu non son xusto de Vilalba, eu son da aldea". 

Que recordos garda da infancia? 
Para min a xuventude foi todo felicidade. O problema era a tendencia que sempre tiven de xuntarme cos máis alegres, que complicaba a distribución dos tempos. Menos mal que estaba O Ribeira, o mellor pai, para poñer sentidiño.

Comentarios