Feridos dous meiregos ao ser atropelados nun paso de peóns da Nacional 640

Os feridos foron un avó e o seu neto que tiveron que ser trasladados ao hospital 

Dous veciños de Meira, un avó e o seu neto, resultaron este sábado feridos ao sufrir un atropelo cando cruzaban un paso de peóns no centro da vila, no tramo urbano da estrada Nacional 640.

Ámbolos dous foron evacuados nun primeiro momento ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade, segundo precisaron dende Protección Civil de Meira, onde o rapaz foi dado de alta pouco despois ao ter só unhas rascaduras. Mentras que seu avó, malia a que en principio o seu estado non revestía gravidade, foi trasladado a un centro hospitalario lugués.

O condutor do turismo implicado no sinistro, que circulaba cara a A Pontenova, non resultou ferido.

O accidente produciuse pasadas as nove e media da noite á altura do punto quilométrico 58 e ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Médicas, de Protección Civil, da Garda Civil e de Tráfico.