Ferido un neno ao caer desde un muro no paseo marítimo de Culleredo

O rapaz quedou enterrado no lodo da ría do Burgo

Un menor resultou ferido a pasada tarde despois de caer dun muro do paseo marítimo do Burgo, en Culleredo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o neno quedou enterrado no lodo da ría do Burgo e foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia para liberalo e que fose atendido polos servizos sanitarios.

A chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia ao fío das 19.00 horas permitiu activar un operativo no que interviñeron os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Garda Civil e da Policía Local e os Bombeiros de Arteixo. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia informouse do ocorrido a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Segundo lle indicou ao 112 Galicia a Policía Local, unha vez rescatado, o menor foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.