Felicitacións de Nadal

A saca do carteiro apenas chegan xa postais de Nadal. Entre cartas do banco, publicidade comercial e felicitacións de empresa sobreviven as letras escritas á man por algunha familiar nostálxica ou por algún amigo que non se resigna ao vello hábito de asinar as misivas, mesmo de imaxinar a expresión da persoa destinataria ao recoñecer as súas pegadas no sobre. As tarxetas, sexan estas navideñas ou viaxeiras, acollen as escasas palabras escritas con puño e letra que aínda circulan no correo postal.

Hai xa algún tempo que as novas tecnoloxías canalizaron as mensaxes propias destas datas. O correo electrónico consolidouse como un soporte óptimo para o envío a baixo prezo dunha postal, sempre e cando chegue ao noso fogar, a canda o Apalpador, unha
conexión digna a internet. A web ofrece ademais numerosos recursos para a creatividade e a personalización da mensaxe de bos desexos con fotografías de lugares visitados, de paisaxes metafóricas ou de entrañábeis escenas domésticas protagonizadas por pequenos e mascotas.

Dun tempo a esta parte popularizáronse tamén as felicitacións mediante ‘sms’. As mensaxes a móbiles teñen como principal vantaxe a inmediatez e a posibilidade de seren recibidas alí onde vaiamos coa nosa terminal telefónica. Deste xeito, e sempre que non se
produzan atrasos por saturación ou mal funcionamento da rede, as felicitacións poden ser enviadas e recibidas nunha hora fixa, como a do inicio da cea de Nadal ou, se quixésemos máis precisión, os primeiros minutos do novo ano. Tales virtudes fixeron das mensaxes de texto unha das principais canles de felicitación e un suculento negocio para as teleoperadoras con facturacións millonarias nas datas e nas franxas horarias máis sinaladas.

Lonxe de ser un atranco, a restrición de caracteres das mensaxes converteuse nun reto da comunicación, así coma nun desafío ás convencións ortográficas. No espazo contado dos 160 caracteres colle unha diversidade de microtextos que van das manifestacións
de afecto máis ou menos tópicas até as mensaxes que procuran a orixinalidade. As ‘sms’ navideñas convertéronse en todo un (micro)xénero que se alimenta de recursos literarios –a rima, o xogo verbal ou a metáfora–, así como de referencias á actualidade política e social. Os microtextos enviados desde os nosos teléfonos móbiles non só procuran a proximidade senón tamén o sorriso mediante a ocorrencia e o humor.

A popularización, que non democratización, das novas tecnoloxías puxo ao novo dispor novas canles para a felicitación do Nadal que, no entanto, seguen a empregar como materia prima, preciosa e insubstituíbel, a palabra. A mesma que eu emprego nesta felicitación que lles envío a través páxinas impresas, de toda a vida, do xornal e tamén desde as máis recentes versións dixitais. Bo Nadal.

Comentarios