Feijóo enxalza a "epopea de millóns de galegos" na inauguración dunha mostra en Nova York

'Os Adeuses' é unha exposición composta por máis de 20 fotografías do coruñés Alberto Martí

Núñez Feijóo, este sábado no Museo de Ellis Island, en Nova York. EDUARDO MUÑOZ ÁLVAREZ (EFE)
photo_camera Núñez Feijóo, este sábado no Museo de Ellis Island, en Nova York. EDUARDO MUÑOZ ÁLVAREZ (EFE)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou a "epopea de millóns de galegos" que emigraron de forma anónima e que se despediron dunha Galicia que agora se transformou nunha "terra puxante" na que nacen e se establecen empresas multinacionais e se desenvolven grandes proxectos tecnolóxicos. 

Así o manifestou na súa intervención na inauguración en Nova York da exposición Os Adeuses, homenaxe á epopea do galegos pero tamén un recoñecemento á xenerosidade da nación americana

Así, o presidente da Xunta subliñou durante a súa intervención o cambio que experimentou Galicia, unha comunidade plenamente democrática dentro dunha "España plural" que garante todas as liberdades. 

Pero Feijóo tamén puxo en valor a achega dos emigrantes neste cambio tanto material --como proba que en calquera recuncho de Galicia haxa "unha escola, unha fonte, un monumento, que se construíron grazas ao seu filantropía-- como o aporte inmaterial, que considera máis decisivo e que xerou un novo orgullo de pertenza. 

"Grazas ás noticias dos seus parentes de Ultramar, Galicia comezou a sentirse un pobo capaz de afrontar empresas ambiciosas", afirmou. 

Segundo manifestou Feijóo, o factor que explica ese cambio experimentado pola Comunidade é a "liberdade", que permitiu a Galicia "despregar un potencial que só se manifestaba na diáspora". 

Na mostra de 73 fotografías do fotógrafo coruñés Alberto Martí sinalou que hai unha lección que transcende o ámbito galego para converterse en ensino universal: "Non hai ningún pobo que non sexa apto para a liberdade e o progreso", destacou. 

O presidente da Xunta enxalzou deste xeito que a "xeografía sentimental" dos galegos sitúaos moi preto de América e fai de Galicia un territorio americano máis, para concluír que o galego soubo ser de "aquí sen deixar de ser de alá", sentíndose tamén en casa en Queens, en Cherry Street ou nos barrios próximos ao Brooklyn Bridge. 

E destacou que a Galicia a definen os camiños: un terrestre, o de Santiago, que une a Europa; e un marítimo, que une a América

Nesta liña, subliñou que a emigración galega ten un aspecto tráxico e outro que se refire á capacidade de superación dun pobo, a súa solidariedade, a súa capacidade, en suma, para cambiar o destino ao que parecía condenado.

ENCONTRO COA COLECTIVIDADE GALEGA. Após o percorrido pola exposición Os adeuses, o presidente da Xunta finalizará a súa viaxe institucional aos Estados Unidos cun encontro coa colectividade galega de Nova York, que terá lugar na Casa de Galicia. 

Na súa alocución, Feijóo destacará que as colectividades galegas no exterior "son exemplos de cooperación e unión". Ademais, subliña que as casas de Galicia non só reúnen ás colectividades de galegos e abren un oco para as tradicións nun país multicultural como Estados Unidos, senón que tamén son depositarias dos valores de Galicia. 

Comentarios