Facer traballo social en tempos de Covid...

Poucos lembran que nesta loita tamén se integran os/as traballadores/as sociais, profesionais esenciais, e que no transcurso desta pandemia desenvolven unha serie de accións diarias de tal relevancia e calado que sorprende continúen a ser tan invisibles
Una sanitaria agradece las muestras de cariño recibidas. JAVIER ETXEZARRETA (EFE)
photo_camera Una sanitaria agradece las muestras de cariño recibidas. JAVIER ETXEZARRETA (EFE)

Son as 20:00 horas dun día calquera nunha semana de emerxencia sanitaria, bulimos á ventá e aplaudimos a eses heroes de capa branca que saen diariamente a salvar as nosas vidas.

Nesta tempada moito se fala deles, dos/as médicos/as e enfermeiros/as que están en primeira liña da batalla na loita diaria contra o Covid-19. Haberá que telos máis en conta cando o temporal amaine, que sucederá!, para reforzar o noso sistema sanitario público e dar valor ao realmente esencial da vida, o garante dela.

Inicialmente  foron eles os homenaxeados e pouco a pouco outras profesións que se fan máis visibles no noso devir diario.

Pouco se fala deses heroes sen capa, poucos lembran que nesta loita tamén se integran os/as traballadores/as sociais, profesionais esenciais, e que no transcurso desta pandemia desenvolven unha serie de accións diarias de tal relevancia e calado que sorprende continúen a ser tan invisibles.

Estes heroes atenden casos de persoas maiores, dependentes e con discapacidade, persoas sen recursos, en situacións irregulares, deses que non teñen nin conta bancaria aberta, pero que existen, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores en risco de desprotección, situación nas que todos e todas antes ou despois nos poderíamos ver, é dicir, atenden á poboación máis vulnerable da nosa sociedade que senten e viven en soidade nos seus domicilios, sen a información suficiente e sen recursos. Traballadores sociais que xestionan a chegada aos seus domicilios de alimentos, medicación, medios económicos, atendendo as súas demandas cos escasos recursos cos que xa contaban antes da chegada desta crise sanitaria.

Titáns con inxenio, sen variñas máxicas e tamén sen os epis axeitados, pero coa tenacidade e forza suficiente como para saír aí fóra, nun mundo parcialmente varado, e susurrar... tamén con medo: "Estamos aquí..., non estades sós..."

Continuamos adiante facendo frente á excesiva burocracia diaria interadministrativa que non entende de pandemias, para solventar as situacións máis terribles que atopamos, incrementadas neste tempo de Covid polo confinamento, o medo, a soidade, a incerteza do que tal e como me apuntaba no día de onte un usuario temeroso... "ás veces penso que isto pode ser a fin do mundo..."

Prestamos os nosos servizos a miúdo da man dos profesionais sanitarios, da man dos axentes das forzas e corpos de seguridade en intervencións de urxencia para as que non fomos preparados pero sempre o estamos. Máis no ano 2020, en estado de alarma, e sendo declarados polo Estado como profesionais esenciais, continuamos invisibilizados publicamente.

Cando oímos 'os servizos sociais' pensamos nun entramado multiprofesional que vai dar saída ás nosas demandas cun abano de recursos que nós mesmos vemos reflictidos nos medios de comunicación, pero a realidade é outra. A maioría dos equipos están formados tan só por un único profesional desbordado de traballo técnico e administrativo e sen apenas tempo para o de campo, e para o acceso aos recursos haberá que agardar máis do que imaxinabamos. Se esta situación se produce normalmente, hoxe vémola agravada coa chegada deste 'virus monárquico'.

Esta emerxencia está evidenciando moitas cousas, entre elas as carencias nos nosos sistemas de saúde e de servizos sociais, nas infraestruturas, os recursos humanos e materiais. Oxalá que isto nos sirva para darnos o valor que temos.

Estes magos sen variñas máxicas soportan un estado de esgotamento físico e emocional, provocado pola carga de traballo e o peso das emocións propias e das persoas ás que escoitan a diario, coas súas demandas e segredos confiados, esgotamento que pode provocar síndrome de burnout de non verse reforzados.

Ser traballadora social en tempos de Covid non é tarefa doada, ser simplemente humana e persoa tampouco o é, quedémonos co positivo de cada situación vivida, iso será o que nos reforze no camiño da vida, a resiliencia máis ca nunca é o noso alento esencial para continuar adiante. Xuntos/as poderemos. Moito ánimo, moita forza, non perdamos a perspectiva, a loita contra o Covid continúa e, de seguro, venceremos nela.

No día do pasamento de Aute.

Ay amor mío, que terriblemente absurdo es estar vivo, sin el alma de tu cuerpo sin tu latido

Comentarios