Expiación

Unha reflexión sobre a figura do divulgador científico leva á recomendación de 'Historia Universal de la Ciencia', de Hans Joachim Storig

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

LEMBRO A Rosario, pero non o seu apelido. Era mediados dos noventa —xa podemos falar en tempo histórico daquela época— nun instituto de secundaria da Montaña e un aula con máis de trinta individuos. Porque daquela non eramos mozos e mozas, xa non digamos persoas. Aquela boa muller tentaba ensinarnos cousas tan entretidas coma o Triángulo de Tartaglia e evidentemente fracasaba. As súas habilidades comunicativas eran nulas e os receptores comportábanse a meirande parte das veces coma túzaros. Non aprobei un só exame de Matemáticas no BUP e aquelo empurroume lonxe da medicina e preto das letras -para sorte dos pobres enfermos dalgún lugar indeterminado.

Os estudos científicos sufriron nas últimas décadas o mesmo destino ca outros e desprezaron a Historia. O peso da práctica e a especialización non deixa lugar en moitas ocasións a explicar o pasado. Por outra banda, hai xa moito que morreu a derradeira persoa quen de dominar toda a ciencia (Humboldt? Goethe? Bertrand Russell? Neumann?) ou mesmo unha soa disciplina na súa totalidade.

Precisamente por isto ten lugar un paradoxo: as historias da ciencia non as escriben científicos profesionais senón divulgadores, persoas quen de pasar a vo de paxaro por saberes oceánicos sen deterse máis do necesario e capaces de explicar comprensibelmente fenómenos e conceptos dunha enorme complexidade. É o caso de Hans Joachim Störig, un intelectual xermano que comezou cunha monumental Historia da filosofía e ao rematar elaborou unha non menos enorme Historia da ciencia que agora ten a ben ofrecer ao mundo hispanofalante a editorial Tecnos. A miña relación co selo alcanza a fronteira do amoroso dende que publicaron xa hai tempo un dos meus libros preferidos: a ‘Historia de seis ideas’, de Tatarkiewicz. Con iso dígollelo todo sobre a súa solvencia.

O feito de que Störig sexa un historiador alemán non é menor. O seu concepto de ciencia desborda o que é natural para un español e inclúe Dereito, Filosofía, Historia ou Lingüística entre outras, as ciencias do espírito de Dilthey. Sería un erro lanzar críticas ao autor con perspectivas chauvinistas: hai tempo que os filólogos usamos metodoloxía científica á hora de realizar os nosos traballos e na mesma Alemaña naceu a ‘Literaturwissenchaft’, a ciencia empírica da literatura. O mesmo sucede noutras disciplinas dunhas letras que perderon o adxectivo ‘puras’ hai tempo.

Onde si se atopa un localismo innecesario e se resta fluidez á narración é á hora de analizar o desenvolvemento de certas ciencias do espírito na Alemaña do XIX. A escola herderiana, os novos gramáticos... non carecen de interese pero quedan comparativamente superados por outras figuras da obra.

Queda sobradamente compensada esta falla coas biografías concisas, as explicacións tan completas como sintéticas e os exemplos ao alcance de calquera cunha mínima cultura xeral. A elección de temas é excelente e resulta sinxelo conectar eventos separados por séculos de distancia. É unha mágoa que non puidese chegar o autor a realizar unha síntese do século XX, aínda que a carencia queda ben suplida por un xeneroso epílogo do profesor Carlos Ulises Moulines.

Os anos pasan e dan oportunidades. E así este pobre crítico tivo a posibilidade de purgar os seus pecados como alumno adolescente ao converterse en febril lector de ciencia. Supoño que iso non compensará aos meus coitados mestres, que terían preferido sacar un premio Nobel ou alguén que curase a malaria. Pero menos dá unha pedra e velaquí a miña expiación.

Comentarios