En lembranza de Eutimia Vázquez Blanco

A asociación de mulleres de San Bartolomeu de Insua adica unhas verbas á veciña vilalbesa
Eutimia Vázquez Blanco. EP
photo_camera Eutimia Vázquez Blanco. EP

A veciñanza da parroquia vilalbesa de Insua e, sobre todo, esa gran familia na que o tempo compartido, o esforzo, as alegrías, as trabas e o traballo en común converteu á asociación de mulleres de San Bartolomeu de Insua choraron esta semana a perda dunha das súas integrantes.

E non hai mellores palabras para dedicarlle á memoria de Eutimia Vázquez Blanco, veciña do barrio de Rebordaos finada aos 79 anos de idade, que as das Mulleres de Insua, compañeiras en incontables fiados e tascas: "Con moito pesar despedímonos da nosa compañeira Eutimia, amiga e irmá que loitou con nós dende primeira liña durante once anos pola recuperación do cultivo do liño e a memoria das mulleres do noso rural. Coma un dos piares fundamentais desta asociación, deixaches en nós un baleiro que nunca poderemos cubrir, sen ti nada será o mesmo, mais, por ti e pola túa memoria, seguiremos loitando con este proxecto, tal e como sabemos que che gustaría. Gracias por tantos anos ó noso carón irmá, por todo o que nos deixas ensinado, nunca te esqueceremos. Vémonos na derradeira fiada do liño. ‘Sit tibi terra levis’ (que a terra che sexa leve)".

Comentarios