O eurodeputado do PSOE Nicolás González Casares reuniuse co tecido empresarial pontés

A agrupación socialista organizou o encontro para falar dos fondos de transición xusta e do plan de recuperación da Unión Europea
González Casares, con Pena, na reunión celebra nas Pontes. EP
photo_camera González Casares, con Pena, na reunión celebrada nas Pontes. EP

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares, intregrante da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, participou nas Pontes nunha reunión con representantes do tecido empresarial do municipio, que tivo como obxectivo dar a coñecer "de primeira man os avances na tramitación das achegas europeas para os territorios en transición, as liña de traballo e proxectos que poderán beneficiarse destas axudas para, entre todos, promover a reindustrialización do municipio e á xeración de emprego", explicou a concelleira socialista Ana Pena, que o acompañou na visita.

"Aínda que no momento actual estea a loitarse pola continuidade da central térmica co uso de biocombustibles é necesario, de forma paralela, aproveitar as oportunidades de apoio económico para a reindustrialización e diversificación industrial", insistiu a responsable municipal de Industria, que confía en poder fomentar a "captación de novos proxectos", así como na "modernización das distintas actividades empresariais locais" a partir dos fondos de transición europeos. 

González Casares precisou que, logo da crise sanitaria, a UE "acelerou" a posta en marcha do Fondo Europeo de Transición Xusta e aumentou a súa contía: “Inicialmente falábase dun fondo de 7.500 millóns de euros para zonas en proceso de descarbonización, unha cantiadade insuficiente, agora pasa aos 40.000 millóns de euros o que supón multiplicar por cinco os investimentos para a provincia da Coruña”, detallou.

O eurodeputado incidiu, segundo detallan dende o PSOE, na necesidade de deseñar "unha estratexia de transición xusta para poder captar máis fondos" , para a recuperación das zonas afectadas polos procesos de descarbonización, a través de "proxectos industriais sostibles, non exclusivamente enerxéticos, que promovan a transición enerxética ou a transición dixital".

A promoción do comercio,a revitalización do turismo ou a posta en marcha por parte das administracións públicas de proxectos de mellora de calidade de vida da cidadanía ou dos servizos públicos son outras das iniciativas que poderán beneficiarse destes fondos, avanzan dende a agrupación socialista pontesa.
 


 

Comentarios