Opinión

A estabilidade fronte ao caos

As elección autonómicas do vindeiro 5 abril non son unhas eleccións máis. Nelas vaise decidir entre a estabilidade e a fragmentación. Alberto Núñez Feijóo representa a solvencia e a xestión e enfronte hai un multipartito que só busca a tensión política. Só hai dúas opcións o 5-A: o PPdeG de Núñez Feijóo ou a suma de 3 papeletas, a do PSdeG, a do BNG e a da coalición da esquerda rupturista; tres formacións que están obrigadas a gobernar xuntas e que en total suman máis de 7 forzas políticas diferentes. 

O desastre do experimento do bipartito no 2005 ponnos en alerta; se non foron capaces de entenderse entre 2 como van facelo entre 7? Non poden gobernar Galicia se non se entenden entre eles e non é de recibo que queiran trasladar o espectáculo do reparto de cadeiras do Goberno Central á nosa comunidade.

No PPdeG temos un candidato con experiencia que demostrou con feitos que ten un compromiso exclusivo con Galicia

No PPdeG temos un candidato con experiencia que demostrou con feitos que ten un compromiso exclusivo con Galicia. Un candidato coas mans libres que non ten que render contas a ninguén máis ca os galegos e galegas. Non poden dicir o mesmo nin os socialistas, nin os nacionalistas, nin as forzas da esquerda rupturista que nas últimas semanas demostraron que se teñen que elixir entre Galicia e o seu partido elixen o partido. 

Demostrárono votando no Congreso e no Senado en contra do pago a Galicia da débeda de 370 millóns de euros que o Goberno de Sánchez ten con nós. Tamén co estatuto electrointensivo, tan importante para o futuro de Lugo, e que lonxe de beneficiar ás nosas empresas premia ás vascas e ás catalás. Son as peaxes que PSOE ten que pagar para contentar aos seus socios de ERC e Bildu.

En Galicia non precisamos sucursais do Goberno central. Tampouco precisamos experimentos. Precisamos un presidente que pense no futuro dos galegos e galegas, que poida acreditar solvencia, experiencia e capacidade de xestión, un presidente que garanta que Galicia siga camiñando unida e iso só pode facelo con Alberto Núñez Feijóo.  

Comentarios