Blog | A Semana do Revés

Espionaxe industrial coa auga?

O CONCELLO ten pendente sacar a concurso varios contratos de xestión de servizos nos vindeiros meses, algúns de gran importancia para a cidade e de contías elevadas, como o da depuradora e o da potabilizadora. Os dous levan moitos anos en mans de Gestagua; os últimos cinco, co contrato caducado. Son, a priori, concesións moi apetecibles para as empresas do sector, que pelexarán por facerse coa xestión de plantas novas e ben equipadas nun Concello que non se caracteriza precisamente por exercer un control moi rigoroso das súas contratas. Foi o PP quen, hai unhas semanas, denunciou que no laboratorio da depuradora lucense se facían analíticas para outros concellos galegos nos que Gestagua xestiona depuradoras, unha práctica que impide o contrato que a empresa mantén co Concello de Lugo.

O PP tivo coñecemento da situación a través dun traballador da planta, que lle fixo chegar fotografías das mostras de auga e que, segundo asegura Gestagua, chegou a presentar un escrito ante a empresa no que se recoñecía como único responsable da filtración, quizais nun intento de exculpar a outros dous traballadores aos que a empresa considera corresponsables por facilitar a captación das fotografías. Os tres teñen un expediente aberto, coa particularidade de que Gestagua sostén que dous deles foron enganados polo compañeiro que supostamente se autoinculpou e que, para máis inri, é delegado sindical de CC.OO. A multinacional pregúntase por que, se o representante sindical sabía que na planta se estaban facendo traballos supostamente contrarios á lei, sen saber se os compañeiros os facían con complicidade ou obrigados, non se dirixiu á empresa ou ao goberno local e en cambio informou ao PP.

Por se a situación non fora suficientemente delicada, esta semana Gestagua despediu a un traballador, un feito que enseguida se interpretou como represalia pola filtración. Porén, a empresa sostén que son feitos totalmente independentes e que o despido é sinxelamente unha amortización dunha praza. Di que non se precisa ese posto e, con sarcasmo, lembra que xa o PP dixo que o cadro de persoal estaba inflado. O partido apoia as súas sospeitas en que o estudo de necesidades que Gestagua fixo no seu día para poñer en marcha a planta recollía a necesidade de 17 empregados e agora eran 20. O uso de concesionarias do Concello para empregar a persoas afíns ao partido do goberno é unha denuncia constante dalgúns grupos da oposición e dalgúns sindicatos, en Lugo e en moitos outros sitios.

O que é evidente é que, por moito que Gestagua sosteña que os traballos para outros concellos que se fixeron na planta de Lugo non supuxeron ningún quebranto para a administración, a empresa está moi molesta coa filtración. Cre que ten empregados infieis, coma neses libros e películas onde traballadores levan a cabo prácticas que deterioran a imaxe da concesionaria ou venden información a empresas competidoras.

Contrato sen competencia

TEN graza que Gestagua se queixe de que leva cinco anos sen que o Concello lle actualice a remuneración, para compensar alomenos a subida do IPC, di. Leva outro tanto tempo explotando un negocio, o da auga, co contrato caducado e unha prórroga que lle garantiu conservalo. Gestagua percibe uns 3,3 millóns de ano do Concello de Lugo pola xestión da depuradora e da potabilizadora de auga.

CC.OO. alíase co PP

NON é menos curioso que CC.OO. recurrira ao PP, un partido co que teóricamente o sindicato non ten moita afinidade ideolóxica, para denunciar as irregularidades que supostamente se producirían na depuradora. Non vai desencamiñada Gestagua cando di que, en boa lóxica, o representante sindical debera ter informado ao goberno local. Búscase defender os traballadores e o interese municipal ou búscanse outras cousas?

Política cos traballadores

AS CONTRADICIÓNS na política son o pan de cada día. Esta semana, o PP manifestou a súa indignación ante as «represalias» de Gestagua cara aos traballadores da depuradora. Porén, á vez mantén bloqueados pagos á multinacional, que tamén serven para pagarlles aos empregados, pola falta de pasos do goberno para renovar un contrato que leva anos caducado. Calquera diría que se fai política cos traballadores.

Comentarios