Esperanza audiovisual

Para nada contabamos en Galicia que nestes comezos do século XXI teriamos que convivir co feito de que as vacas son entre nós unha especie en extinción e de que non poderiamos sequera producir o leite necesario para o noso autoconsumo. Tampouco podiamos imaxinar que o noso “know how” histórico de país pesqueiro ia chocar coas limitacións da economía globalizada. E todo isto ocorre no contexto en que a economía produtiva revisa profundamente os vellos esquemas industriais e que cando estabamos a punto de entrar na era da industrialaización o mundo cambiou o paso pola aparición das novas tecnoloxías e pola evidencia de que no planeta hai outras zonas máis pobres con individuos dispostos a traballar por menos diñeiro.

Permitídeme esa descrición un tanto caricaturesca da economía global , pero estou seguro que todos entendemos ao que me refiro, e que utilizo aquí para poñer en valor o caracter estratéxico do sector audiovisual para Galicia. O sector audiovisual forma parte da industria cultural, é industria e é cultura, integra todos os elementos tecnolóxicos que dinamizan a sociedade do coñecemento pero sobre todo esta industria basada decisivamente nos recursos humanos nútrese dunha materia prima que á cidadanía de Galicia, cando menos, se nos supón: o talento. Sumemos a iso que dá resposta a unha constante necesidade da condición humana: a de comunicarse e contar historias a nós memos e aos demais. Por iso, Galicia, que chegou tarde a case todo, non pode quedar atrás neste desafío. Sobre todo cando partimos da evidencia do constante crecemento e maduración do sector audiovisual nos últimos vinte anos.

Na actualidade, en Galicia, podemos falar con orgullo e en voz alta no contexto internacional de que audiovisualmente somos bos proveedores, socios e clientes. Todas as fases do proceso da produción audiovisual (excepto os laboratorios fotoquímicos de cinema, en extinción en todo o mundo) son posibles en Galicia porque hai medios e equipos técnicos e artísticos de eficacia contrastada.

Pero tamén temos que ser criticos e dialécticos cos nós mesmos, estes últimos vinte anos rexistran o éxito do sector para abastecer con eficiencia a produción de autoconsumo. Son notables os produtos divulgados por TVG, poñamos como claro exemplo, o amplo seguimento en Galicia das series de produción propia. Agora chocamos coa evidencia de que o propio crecemento da actividade non pode sosterse con ese autoconsumo, nin por orzamentos da tv pública nin por suficiente masa crítica demográfica que faga rendibles as producións destinadas ás salas e o DVD. Polo tanto, é o momento que que demostremos a capcidade para internacionalizar a nosa produción e, sobre todo, no contexto paradoxal dunha crise planetaria na que nunca tantos individuos consumiron tantos produtos audivisuais pero que o cambio de hábitos no consumo pon en crise o modelo de negocio tradicional ante o impacto das novas tecnoloxías e a agresión da piratería.

O desafío non deixa de ser excitante e necesitamos superalo para manter viva a nosa esperanza audivisual que nos poñerá no mundo e na modernidade.

Comentarios