Opinión

Escolma de conclusións postelectorais

XA SEI QUE outros moitos o fixeron previamente pero teño que confesar que non podía pasar esta semana sen partillar unha serie de conclusións en col do proceso electoral deste domingo.

A primeira consecuencia que saco é que, ao igual que o señor Rivera, o domingo-luns tiña que producirse unha segunda dimisión, a do actual presidente do Goberno en funcións por dous motivos. O primeiro deles foi convocar as cuartas eleccións xerais en catro anos (as segundas en 6 meses) para buscar unha representación no Congreso que facilitase o seu goberno cando o único que fixo foi baixala (tanto a del como a dos seus ‘naturais’ aliados). Froito dese gran erro de cálculo, propiciado polos seus asesores e cociñeiros de datos demoscópicos, foi asinar esta semana á desesperada todo aquilo que nin nos seus peores pesadelos imaxinaba este verán. Calquera candidato responsábel dimitiría diante dunha zoupada así.

O outro dos motivos, dende o punto de vista dunha persoa de esquerdas, foi dar unha oportunidade electoral a Vox para introducirse na terceira posición do podio. Levo vinte anos colaborando como apoderado/interventor do BNG no meu colexio electoral e non sabedes a rabia, cabreo, impotencia... sentidas cada vez que no reconto saía un voto da ultradereita. Certo é que tiveron unha segunda oportunidade pero non menos que foron amparados tanto por uns como por outros. Por unha banda o PP e Cs dedicáronse a darlle a Vox esa pátina de normalidade democrática que sorprende no resto de países europeos onde a ultradereita ten presenza nos distintos parlamentos. Pola outra o PSOE de Pedro Sánchez volveu xogar a baza, que tan ben lle saíu en abril, de mobilizar aos seus en contraposición a un partido xenófobo e machista como Vox. Con eses ingredientes e sumando o cabreo de moitos votantes por ter que repetir eleccións e os favores prestados por certos medios de comunicación, temos unha situación actual máis que preocupante dende o punto de vista democrático e das liberdades individuais.

Outra das conclusións que saco é a alza do BNG nos últimos procesos electorais. Unha subida lenta pero continuada que non ten visos de interromperse a medio prazo. Estou tremendamente sorprendido por ver persoas con ideoloxías totalmente diferentes parabenizarse polo regreso da fronte nacionalista ao Congreso dos Deputados. Aínda que segue a ser moi triste que Galiza teña o mesmo peso político no conxunto do estado que Teruel e Cantabria (e inferior ás Illas Canarias) certo é que dende o 2015 a súa ausencia no Congreso foi botada en falta nos momentos decisivos.

Finalmente (e obviando a Cs, que xa é pasado) saco como conclusión que no ano 2020 a esquerda si que podería estar en condicións de gobernar na Xunta de Galiza aínda que son moitísimo máis cauto que a análise feita por un Gonzalo Caballero que pouco tiña que celebrar na noite electoral. En primeiro lugar, as eleccións galegas son completamente distintas ás xerais e polo tanto os resultados do domingo non poden nunca extrapolarse. Por outra banda, nos meses que quedan e tendo en conta a volatilidade política actual pode haber moitos cambios pero aventúrome a indicar que se collemos os resultados deste domingo o PP subirá porcentualmente, porque a fortaleza de Feijóo non é a de Casado, que o PSOE baixará moito porque deixa de ser ese voto útil que nas demarcacións máis pequenas varre co resto dos partidos de esquerdas e moi probablemente o BNG recupere a terceira posición diante dese ascenso continuado da fronte nacionalista fronte o descenso do conglomerado ‘rupturista’ que foi mudando de siglas e protagonistas nos últimos anos. Só falta saber como será a presenza de Vox e se a dereita logrará superar a barreira dos 38 deputados/as.

Para rematar, deséxolles moita sorte a PSOE e UP na conformación do novo Goberno, pedíndolles que sexan respectuosos con esas minorías necesarias no Congreso e que teñan en conta que España é un Estado plurinacional onde cada vez hai máis persoas que se senten incómodas co retroceso democrático vivido neste país (só hai que ver o ascenso das forzas soberanistas/independentistas) este domingo.

Comentarios