Blog

As escaleiras do Maycar

Maycar
photo_camera Maycar. MARUXA

EN MAYCAR acabaron, probablemente, algunhas das mellores noites da miña vida. Tamén das peores. E moitas outras imposibles de cualificar por ausencia total ou parcial de recordos. Antes do confinamento levaba máis dun ano sen baixar as escaleiras de Maycar. Mentres durou a reclusión forzosa boteino tanto de menos que soñaba cada noite con vagar pola penumbra da súa pista de baile mentres tocaba, como tantas veces, os acordes inventados de Sweet Child O’Mine coa miña guitarra invisible. Quería escorregarme de novo entre a multitude suorenta. E facer contacto visual con esa masa informe de olladas perdidas que deambula arredor da columna central que sostén toda a maxia do disco-pub.

Todos temos un antro que se converte no noso antro. E Maycar é o meu antro. Folga dicir que, desde que reabriu en xullo, non pisei Maycar. É un caso claro de dor pantasma. Dóenos o que xa non temos.

Durante o confinamento tamén botei de menos saír a correr. E iso que a última vez que calzara os tenis o Gatorade aínda se pagaba en pesetas e Fermín Cacho aínda estaba fino coma un foguete. Folga dicir que non saín correr na nova normalidade. E só agardo non ter que botalo de menos outra vez.

Comentarios