Blog | A Semana do Revés

Erros, mal fado e mans negras

Sobre as eivas no funcionamento municipal cada interlocutor ten a súa teoría

Oficinas municipales. AEP
photo_camera Oficinas municipales. AEP

PÓDESE DISCREPAR sobre a dimensión, pero que no Concello de Lugo hai un problema de funcionamento non o nega nin o propio goberno. Non pode, porque os apuros sucédense e transcenden —os que transcenden— de tal xeito que ás veces semella incrible que todos sexan froito da falta de tino e fan pensar se en ocasións non hai unha compoñente de mala sorte. O que parece haber, segundo apuntan distintos indicios, é certo boicot interno. O persoal está polarizado a conta da relación de postos de traballo (RPT) que se tramita, e, en moitos casos, queimado e desmoralizado polas horas extras e os complementos que se lle adebedan, pola lentitude na cobertura de prazas e mesmo pola dificultade que, segundo aseguran algúns traballadores, atopan para trasladar ao goberno dende demandas laborais ata problemas que xurden no día a día da xestión municipal.

O Concello acaba de vivir a primeira folga xeral en catro décadas, pero, a xulgar polo paso ao que van os papeis dun departamento a outro e polo que tardan en verse os resultados, dá a impresión de que hai traballadores que levan meses, como pouco, presionando. E ultimamente, pode que facendo faenas a compañeiros de servizos cos que manteñan posturas enfrontadas. O 21 de decembro, venres, a Policía quedouse sen sistema informático e posibilidade de acceder ás bases de datos doutros corpos de seguridade, e non houbo solución ata o 26, mércores. Era o primeiro día laborable, pero outras veces a incidencia solucionouse con máis celeridade, aseguran algúns axentes. Este é un dos colectivos máis interesados en que se aprobe a RPT e en Informática hai traballadores descontentos con ela.

A praza de interventor, dende primavera cuberta de forma accidental, é unha das máis importantes do Concello, xa que é o responsable de fiscalizar todo movemento económico, dende pagos ao persoal e a provedores a contratos de obras e servizos. Ademais, é un dos técnicos que ten que informar a RPT.

Dende novembro hai seleccionada unha persoa para o posto, pero non hai data de incorporación porque o proceso esixe varios pasos. Un deles é a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), un trámite que se demorou porque o documento estivo varias semanas en Actas, un departamento que, hai que dicir, ten moita carga de traballo. Cando o papel chegou ao Rexistro, acabou na bandexa equivocada, ata que foi rescatado. Nas dúas áreas hai traballadores que rexeitan a RPT. Moi saturada tamén está a área de Persoal, á que a miúdo se sinala como responsable de que a cobertura de prazas, por exemplo, vaia tan despacio. Hai quen di que o director xeral de recursos humanos practicamente ten que poñerse a redactar as bases dalgunhas convocatorias, mentres que no servizo se asegura que o traballo está ao día e que, se os procesos tardan, entre outras razóns é porque se precisan informes doutros departamentos.

Hai quen ve mans negras no Concello e quen, pola contra, aprecia falta de planificación e de dirección política.

Policía Local, caso propio
Non son casuais as dificultades que tivo o goberno para organizar o plan de seguridade da cabalgata. Púidose planificar mellor e con máis antelación, pero é patente o interese da Policía por que a RPT saia adiante. Pide xestos. Isto, xunto aos reforzos que se lles deben e a próxima xubilación dunha vintena de axentes, fai que o goberno non atope quen acepte facerse cargo do servizo, a pesar de que hai relevo e interese.

Sindicatos en liza
O Concello vivirá eleccións sindicais en marzo e iso condiciona a actividade interna moito máis do que parece. Os traballadores que defenden a RPT presionan para que esta se aprobe canto antes, mentres que os opositores buscan o contrario. É o caso de Ágora, que a pesar de ser a forza maioritaria entre o funcionariado non puido entrar na mesa negociadora por un erro de forma. Xa o corrixiu e hai quen cre que arrasará.

Dano aos cidadáns
As presións dalgúns sindicatos e dalgúns traballadores poñen en apuros ao goberno, pero en moitos casos o dano vai moito máis aló da política e os prexudicados son os cidadáns. O problema é que a administración local ten poucas ferramentas para levar a cabo accións disciplinarias, cando estas están xustificadas, polo que os políticos adoitan por non arriscarse a medidas que lles poden saír caras.
 

Comentarios