"Era mellor un confinamento total por unhas semanas para frear isto"

Os emprendedores hostaleiros de A Sacabeira, en Sargadelos, consolidaron o negocio e readaptárono ás novas condicións pero agora teñen que pechar á espera de mellores tempos
Alba Fernández e Bruno González, en A Sacabeira. D.V.
photo_camera Alba Fernández e Bruno González, en A Sacabeira. D.V.

Alba Fernández Rubal e Bruno González Rico van para dous anos que montaron A Sacabeira nun dos edificios das históricas fábricas de Sargadelos. Mimando a atención e sempre cun sorriso conseguiron darlle vida de novo ao ocio nun lugar extraordinario pero que estaba de capa caída. Será por iso que non perden o optimismo, aínda que agora deben dar un pasiño atrás ao ter que pechar por mor da pandemia e o tempo que dure o peche perimetral de Cervo, xa que non poden poñer terraza.

"Coas últimas medidas, estabamos traballando ata as 18.00 horas e ao 30%, deixando estar no local a só dez persoas pero agora non se pode; terraza non nos deixan poñer a carón do edificio e a estrada, por cuestión da seguridade vial, e do outro lado xa entra Patrimonio e tampouco sería doado de atender", explica Alba.

"Se non hai axudas quedamos sen ingresos ata volver a traballar, pero esperamos reencontrarnos axiña e con saúde cos nosos clientes"

Así que os clientes da Sacabeira van quedar orfos dun ambiente e vida social e cultural que enganchou a moitos na volta. Das súas paredes colgan pinturas e fotografías nun tempo en que non é doado ver exposicións. E, por riba, levaron con moita seriedade as normas de prevención fronte ao covid-19 e iso deulle confianza á xente. Non faltan nas mesas uns recordatorios sobre o "uso obrigatorio da máscara, salvo no momento de beber ou comer. Por ti, polos demais. Grazas!". "Íamos bastante ben e quitado en xullo, que nos asustamos un pouco pola situación da pandemia e fixemos un peche voluntario, agora xa nos adaptáramos", di Bruno.

Engaden que "empezáramos a dar almorzos, algo que tamén nos esixíu unhas enerxías e investimentos para prepararnos, pero agora estamos noutra volta en que cambia todo". Na súa opinión, ante o que ocorre en moitos concellos "era mellor un confinamento total durante unhas semanas para frear isto". 

Esperan, non si, que antes de abril, cando cumpren dous anos en que lanzaron o proxecto da Sacabeira —grazas á reforma que fixo o Concello de Cervo dos antigos establos das cabalarías das fábricas siderúrxicas de Sargadelos para estes e outros emprendedores—, poidan estar en marcha de novo. "Estamos fastidiados porque nós somos autónomos e non hai posibilidade de Erte. Se non hai axudas quedamos sen ingresos ata volver a traballar, pero esperamos reencontrarnos axiña e con saúde cos nosos clientes".

Comentarios