Cerna de Árbol, enraizados na tradición

A asociación cultural e deportiva da parroquia vilalbesa de San Lourenzo de Árbol conta dende hai case catro anos cun grupo de música tradicional

Cerna de Árbol. C.PÉREZ
photo_camera Cerna de Árbol. C.PÉREZ

Hai case catro anos a Manolo, un dos integrantes da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, andaba a rebulirlle unha idea nos miolos. El ía a clases de música con Javier Loureiro e non deixaba de pensar, e non poderíamos facer nós algo así?

Pasar do maxín a realidade foi máis rápido, máis sinxelo e máis exitoso do que se pensaba. Propúxose facer un obradoiro, coma outros moitos que organiza a entidade, e falouse con Javi, mestre guitiricense e membro de varias formacións musicais.

Cerna de Árbol, que dirixe Javier Loureiro, suma unha trintena de integrantes con idades comprendidas entre os seis e os 84 anos

A resposta foi tan boa que o que ía a ser temporal pasou a permanente e suma hoxe unha trintena de persoas con idades comprendidas entre os seis anos do pequeno Xabi ás 84 primaveras do veterano Bernardino. Moitos son de Árbol ou dos arredores, pero o grupo non ten fronteiras e nel tamén está integrado Alejandro, de Láncara.

E como toda formación precisa un nome, eles escolleron en votación Cerna de Árbol. Lino, traballador do Parador de Vilalba, pedíalle consello ao druída Manolo Rubiños: "Tróuxome 20 ou 30 propostas, escribíronse no encerado e gañou esta", lembra.

Bombo, tambor, gaita, pandereta, acordeón, saxo... Son moitos os intrumentos que soan nesta ilusionante formación na que a gran maioría non tiñan experiencia previa na música. Só algunhas clases na escola, no caso dos pequenos, ou excepcións coma Luana, que tocaba o clarinete nunha banda, ou Darío, que estivo nalgunha orquestra.

O grupo tocará este sábado, día 23, na procesión do XII San Xoán en Árbol

Pouco a pouco, estes aplicados aprendices vanse facendo co dominio dos instrumentos que escolleron para poder interpretar as pezas que forman parte do seu repertorio. Nas actuacións soan temas instrumentais e tamén cantigas populares coma O caneco, Se chove ou Quen teña viño, as preferidas dos máis novos, os protagonistas da chamada festa das chuches. "Cada vez que temos unha actuación, se o facemos ben, o Javi tráenos unha pandeireta de chuches", confesan os pequenos músicos.

Os mércores son os días fixados para os ensaios, que teñen lugar na antiga escola do Santo. Ás 19.00 horas tocan os nenos, ás 21.00 horas hai ensaio xeral e, despois, as clases individuais prolónganse ata a madrugada, o que dá conta da entrega destes músicos, probada tamén por Brais e Lucía, que ata o día da súa comuñón non dubidaron en coller o instrumento.

Pasarrúas, procesións ou cantos de taberna forman parte da axenda de Cerna de Árbol, que este sábado, día 23, non faltará á cita co XII San Xoán en Árbol.
 

Comentarios