Endesa e UGT acordan ir á arbitraxe para negociar o convenio colectivo

O sindicato maioritario desconvoca os peches e as folgas e acepta retirar o recurso no Supremo, sen o apoio de CC.OO., SIE e CIG

Asistentes á asemblea celebrada este mércores no patio do Colexio de Santa María. EP
photo_camera Asistentes á asemblea celebrada este mércores no patio do Colexio de Santa María. EP

Tras dous anos sen avanzar na negociación do quinto convenio colectivo, Endesa e UGT acordaron iniciar un procedemento de arbitraxe para desbloquear a situación que inclúe certos requisitos que non apoian o resto de seccións sindicais. 

O sindicato maioritario, cunha representación dun 54% en toda España, desconvoca tódolos encerros, a folga de horas extra e a folga xeral de cinco días que había prevista para novembro e acepta retirar os recursos plantexados ante o Tribunal Supremo contra a sentenza da Audiencia Nacional sobre os beneficios sociais do persoal pasivo. 

A eléctrica, pola súa banda, e tal e como informan os sindicatos, comprometeríase a "paralizar la facturación del suministro al personal pasivo hasta que se emita el correspondiente laudo arbitral", polo que os xubilados e as viúvas, que xa terían que pagar este mes a electricidade sen tarifa de empregado, continuarían polo momento na mesma situación. 

"Continuaremos intentando que los compañeros de las otras secciones sindicales, que ahora no se han adherido a la propuesta, finalmente se suman", expresan dende UGT nun comunicado no que defenden que o proceso de arbitraxe é a única saída para avanzar na negociación a través dunha persoa "neutral y externa". 

A postura de UGT en Madrid tivo as súas consecuencias nas Pontes, onde secundaron o acordo e levantaron o encerro a última hora da tarde, decisión que comunicaron nunha asamblea de pasivos convocada no patio do colexio Santa María. 

Pola súa banda, CC.OO., SIE e CIG decidiron continuar co peche como "medida de protesta". 

O resto de sindicatos non están de acordo con retirar o recurso ao Supremo e ir ao arbitraxe. Parécelles "a culminación dun tremendo fracaso a nivel sindical" ou perigoso, porque é "irrecurrible".

Comentarios