O empoderamento dende o rural

Remedios Val, de 24 anos, chegou a Ribeira de Piquín hai tres e en plena pandemia decidiu tomar as rendas dunha pequena explotación de vacas de carne que quere converter a ecolóxico
Remedios Val, xunto a a lgunha das súas vacas. C. ARIAS
photo_camera Remedios Val, xunto a a lgunha das súas vacas. C. ARIAS

"Onde houbo vacas sempre houbo unha muller, pero sempre estiveron á sombra, e iso non pode ser"», di Remedios Val, unha moza de 24 anos da Pontenova, que decidiu apostar e en plena pandemia tomou as rendas dunha pequena explotación de Santalla, en Ribeira de Piquín, onde reside dende hai tres anos. Convertida xa na veciña máis nova á fronte dunha gandería nun concello con pouco máis de 500 habitantes, onde a medida de idade é moi alta e o habitual é o peche de explotacións, ela é o exemplo de que pode haber futuro no rural se hai quen aposta.

"Non sabía nada de vacas, nunca unha tocara, era de uñas acrílicas e non sabía nada do campo, pero empecei a coñecer todo isto, lanceime de cabeza e xa é o meu", di entre risas unha rapaza coas ideas claras que, despois de vivir en diferentes concellos de Lugo e no País Vasco, xa non cambiaría Ribeira de Piquín, "un oasis", como ela o define, por nada. Tampouco as vacas.

Técnico forestal, tivo o primeiro contacto con elas un tempo antes cun traballo no centro de recría de Castro, pero o seu currículo é diverso e afastado do campo. Chegou a Ribeira de Piquín hai case tres anos da man da súa parella, Rubén López, natural de Santalla. A súa familia tiña unha pequena explotación de vacas de leite e cando se retiraron eles decidiron continuar, pero apostaron polo gando para carne. E o ano pasado ela pasou a asumir a responsabilidade e converteuse na cara visible.

"En plena pandemia, con todas as xestorías e os organismos públicos pechados dinme de alta como autónoma no sector agrario e fixemos o cambio de titularidade na explotación", explica esta nova gandeira, que sinala as poucas axudas e as moitas trabas que existen para impulsar o rural.

"A xente está queimadísima porque é un pau tras outro, houbo un abandono e un desinterese total e impúlsanse lexislacións medioambientais moi duras, que non son específicas, non podes comparar Ribeira de Piquín coa Terra Chá polo orografía do terreo, e non hai axudas para nada. E do aire non se pode vivir", di.

No seu caso, emprender foi posible porque xa había unha explotación detrás. "A maioría da xente que estamos emprendendo temos a sorte de que hai algo empezado, da escala que sexa; se non é moi difícil, as cousas están carísimas, a lexislación está desorbitada e as axudas orientadas a xente que xa está montada", di, e destaca outro piar: "Estar ben rodeada". E fala da súa sogra Carmiña, "por ser mestra"; o apoio incondicional da súa parella, igual que a súa nai e a súa irmá; o traballo dende o Concello, "por colaborar en todas as iniciativas e darlle vida o rural", e de particulares como "os veterinarios de Fermín e a xestoría Rozas Campos".

"Teño 13 vaquiñas e moita ilusión", resume, e fala dun traballo "moi gratificante" porque "os animais son moi agradecidos". "Traballas para ti, marcas ti os teus propios horarios e se traballas ves os resultados", explica, mentres fala dun labor que comeza ás oito da mañá cando maman os xatos e se lle dá de comer ás vacas e remata, normalmente, cando cae o sol, que se recollen despois de pastar.

"Na explotación contamos co selo de Ternera Gallega Suprema e o reto é, co tempo, converter a explotación a ecolóxico, algo para o que nos estamos formando. Aspiramos a ter unha explotación que nos dea para vivir aos dous, sen grandes luxos", indica esta gandeira, que anima a todos a probar a vida no rural, onde hai "outro ritmo e outra tranquilidade".

Galicia perdeu en dez anos 16.000 explotacións
Galicia suma, segundo os últimos datos do Ige, 30.793 explotacións de bovino —entre carne e leite—, das que 12.750 están na provincia de Lugo. Delas, 44 están en Ribeira de Piquín. O peche de granxas é constante e afecta a todo o territorio galego. En dez anos, Galicia perdeu 16.601 explotacións, 4.028 delas na provincia lucense.

Mulleres. A cifra de mulleres titulares de explotacións agrarias está medrando pero aínda son moi poucas as mozas e menores de 30 anos.

Comentarios